Máis de 45.000 cataláns piden en Bruxelas a implicación da UE no conflito catalán

Máis de 45.000 cataláns piden en Bruxelas a implicación da UE no conflito catalán
O Parque do Cincuentenario, en Bruxelas, ateigado de manifestantes.
Imaxe: ANC
O Parque do Cincuentenario, en Bruxelas, ateigado de manifestantes. Imaxe: ANC  

A afluencia masiva obrigou as autoridades locais a cambiar o “punto de inicio” da mobilización “Wake Up Europe”.


A afluencia á manifestación convocada polo independentismo en Bruxelas ultrapasou todas as expectativas dos organizadores. A policía da capital belga cifrou en 45.000 as persoas que esta quinta feira tomaron parte na mobilización convocada por ANC e Òmnium  "Europe Wake Up. Democracy for Catalonia" (Acorda Europa. Democracia para Catalunya).

 

A afluencia foi tan grande que as propias autoridades locais optaron por cambiar o punto de inicio da manifestación e alongar o percorrido, sendo que os manifestantes rebordaron o Parque do Cincuentenario, o punto fixado inicialmente. Miles de esteladas, de bufandas amarelas (cor para reivindicar a liberdade dos ‘presos políticos’), música, faixas a reivindicar a independencia... A marcha multicor decorre nun ambiente de alegría e reivindicación. A asistencia masiva obrigou a fechar a estación de metro e tren de Schumann.

 

Por terra e aire chegaron nestas horas miles de cataláns a Bruxelas para tomar parte nesta mobilización. O obxectivo, reivindicar ás portas das institucións europeas o dereito de Catalunya a decidir e a liberdade dos membros do Govern detidos e dos líderes de ANC e Òmnium. Entre as persoas asistentes, Puigdemont e os ‘consellers no exilio’.

 

O ramo a esta xigantesca mobilización pono un acto político, no que tomarán a palabra representantes de diferentes candidaturas e organizacións independentistas.

 



x