Mercosur suspende indefinidamente a Venezuela

Mercosur suspende indefinidamente a Venezuela
Venezuela facía parte do Mercosur desde 2006 e representaba a terceira economía do bloque comercial
Venezuela facía parte do Mercosur desde 2006 e representaba a terceira economía do bloque comercial  

Os Estados fundadores do mercado común aplican a chamada “cláusula democrática” en rexeitamento da Asemblea Nacional Constituínte. Ao tempo, a ANC acorda cesar a Fiscal Xeral da República, de acordo coa inhabilitación ditada polo Tribunal Supremo de Xustiza.


A ameaza, reiterada nos últimos meses materializouse. Os Estados fundadores de Mercosur acordaron suspender indefinidamente a membresía da República Bolivariana de Venezuela. A decisión, motivada no rexeitamento da Asemblea Nacional Constituínte instalada esta sexta feira, aplícase ao abeiro da denominada “cláusula democrática” do Protocolo de Ushuaia, asinado en 1998, e que estabelece os compromisos democráticos necesarios para facer parte do  Mercosur. A expulsión non é definitiva, mais encádrase dentro da ofensiva internacional promovida polos EUA,  a UE e os gobernos de dereita de América Latina para isolaren a Venezuela.

 

A suspensión foi acordada polos gobernos do Brasil, Arxentina, Paraguai e Uruguai, reunidos con carácter extraordinario en São Paulo. Os tres primeiros, con gobernos de dereita, procuraban desde hai meses a saída de Venezuela. No entanto, Uruguai, gobernada pola progresista Fronte Ampla opuxerase até o momento a esa decisión. 

 

O único precedente da aplicación da “claúsula democrática” foi a suspensión de Paraguai en 2009 após a destitución do presidente Fernando Lugo por causa dun golpe institucional. Daquela a correlación de forzas no continente era ben diferente, e os gobernos de esquerda liderados por Venezuela exercían a hexemonía rexional. 

 

Venezuela facía parte do Mercosur desde 2006 e representa a terceira economía do bloque en termos de PIB.

 

Novo Fiscal Xeral

 

Entrementres, a Asemblea Nacional Constituínte que foi ratificada por un auto xudicial que negaba a súa suspensión e visaba a súa legalidade, adoptou os seus primeiros acordos. Entre elas destituír á  Fiscal Xeral da República, Luísa Ortega Díaz, atendendo a instrución do Tribunal Supremo de Xustiza do país que acordou inhabilitar a funcionaria e prohibirlle a saída do país. Provisionalmente o ministerio Público será dirixido polo actual presidente do Poder Moral da república, Tarek William Saab. 

 

Ortega significouse nas últimas semanas por descoñecer de maneira aberta a institucionalidade constitucional. Nese sentido, a xa ex fiscal declarou non recoñecer a Asemblea Nacional Constituínte.



x