SERMOS283

Lenin Moreno consuma a ruptura coa ‘Revolución Cidadá’

Lenin Moreno consuma a ruptura coa ‘Revolución Cidadá’
[Imaxe: El Popular] Lenin Moreno
[Imaxe: El Popular] Lenin Moreno  

A vitoria do ‘si’ no referendo do pasado domingo, convocado para lexitimar o xiro á dereita da política ecuatoriana, non ensombrece o importante apoio recollido polo expresidente Rafael Correa, que sumou un 35% a prol do ‘non’. O país encara agora un cambio de ciclo que Correa e a súa base social tentarán reverter reorganizando un movemento de esquerda transformadora que reinicie a ‘Revolución Cidadá’ que a “traizón” de Moreno tencionaría finiquitar. Eis un extracto da peza publicada no Sermos Galiza 283.


4O cambio de ciclo no Ecuador consumouse. O referendo convocado polo actual presidente do país, Lenin Moreno, confirma a ruptura co legado da ‘Revolución Cidadá’ decorrida na última década e intensifica o proceso de “descorreización”, impedindo o retorno á primeira liña política do expresidente Rafael Correa. Os resultados da consulta, celebrada o pasado domingo sen a preceptiva autorización da Corte Constitucional, visan a alianza de facto do ‘morenismo’ cos sectores tradicionais da dereita ecuatoriana, que sumaron esforzos a prol do ‘si’ ás sete preguntas formuladas. O novo oficialismo atinxiu un apoio de arredor do 65% nas tres preguntas chave, e nas que Correa, retornado ao Ecuador desde Bélxica, liderou unha intensa –e invisibilizada nos medios públicos e privados– campaña polo ‘non’. Destarte, o movemento político liderado polo expresidente e que ten vontade de se constituír nunha nova organización logrou contra todo prognóstico sumar o 35% dos votos, confirmando o importante apoio popular a Correa.

 

A vixente constitución ecuatoriana mandata que as consultas e referendos deben contar coa autorización da Corte Constitucional. Unha obriga que o presidente Lenin Moreno non atendeu de maneira deliberada, por causa do probábel rexeitamento do órgano xudicial ao enunciado de varias das preguntas. Cinco das sete cuestións que foron obxecto de votación popular requiren unha reforma constitucional, que se vehiculará a través de emendas na Asemblea Nacional. Son as referidas á inhabilitación política por casos de corrupción, a supresión da posibilidade de reelección indefinida dos cargos públicos, a reestruturación do Consello de Participación Cidadá –encargado da designación das altas autoridades do Estado que non son elixidas por votación directa–, a non prescrición penal dos delitos sexuais a menores ou o aumento das prohibicións relativas á minaría. Nas outras dúas preguntas consultábase sobre a derrogación da Lei de Plusvalía, aprobada na etapa de Correa para evitar a especulación urbanística, e unha maior limitación da actividade petroleira no Parque Natural Yasuní.

 

[Podes ler a análise íntegra no Sermos Galiza 283, á venda na loxa e nos quiosques habituais]



x