CRÓNICA/SERMOS EN CATALUNYA

'No passa res': ir, ver… e contar?

'No passa res': ir, ver… e contar?
Unha estelada e unha faixa do Si á independencia penduradas dun balcón nun edificio de Barcelona
Unha estelada e unha faixa do Si á independencia penduradas dun balcón nun edificio de Barcelona  

Concho, pois non teño nada de jet lag. Almorcei e ninguén berraba e, polo que levo percorrido de cidade, o nadal imponse claramente a esa “Cataluña que está que arde”, en palabras do propio taxista que me levou a coller o vóo en Santiago case de madrugada. Conste que pouco o nada lle interesou o suposto conflicto por estes lares, cadrou porque me preguntou se a viaxe era por traballo ou por pracer, mais unha vez que lle recoñecín que fifty-fifty amosou máis interese polo mini tamaño da miña maleta para tantos días que pola suposta “dimensión inconmensurábel” do que debera ser o duelo definitivo entre soberanistas e constitucionalistas.


Chego tarde, seino. E non por culpa do taxista, senón por unhas  circunstancias que fixeron imposíbel cumprir as previsións: a de comezar esta aventura de ver a vida pasar a propia terza feira ás 00.00 H, cando se oficializou o comezo da campaña electoral como tal, e a de facelo sendo virxe, obviando todo o acontecido até ese momento. Mais unhas torpes declaración de Pablo Iglesias e un erro de principiantes da equipa de Marta Rovira e Inés Arrimadas, escrupulosamente medido e aderezado para facerse viral en redes por parte de Jordi Évole -ou sería mellor dicir, directamente, por parte de Jaume Roures?- obrigáronme a cambiar o billete.

 

Con Pablo fiquei en shock, xa tiña a maleta case feita, minisaias incluidas, e, de súpeto, rachou todos os meus esquemas, e coma os meus os de boa parte, inclusive, da súa militancia, me atrevería a dicir. Que agora resulta que foi o independentismo o que espertou o fascismo latente do Estado; vamos, que como ben lle fixeron saber a través de múltiples chíos, que é como dicir que as mulleres espertamos o machismo e os negros o racismo. Por iso perdín boa parte do tempo, non só en tratar de entender por qué alguén decide pegarse así, ao tonto, un tiro no pé, senón en decidir se minisaia si ou mellor deixalo en saia midi dadas as circunstancias.

IMG-20171207-WA0010O de Arrimadas e Rovira cabreoume un chisco, mais non tanto pola súa imprudencia senón porque, case nunca, nada é inocente e, neste caso concreto, até podería parecer que elas mesmas contribuíron conscientes ao xogo, do burdo que resultou que toda España, tanto a que estaba seguindo a Évole como a que non, soubese que houbo un debate entre as dúas candidatas e que a conclusión dese debate, de máis dunha hora, se a memoria non me falla, simplemente foi que ambas descoñecían os datos do paro e das vítimas de violencia en Cataluña. Non é xustificábel, por ningunha das dúas partes, e moito menos pola que ten responsabilidades de goberno, pero, cando unha xa está demasiado bregada en campañas electorais, este tipo de manipulacións en certo sentido “pactadas”, xa cheiran. Case nada é inocente, insisto, e supoño que a estas alturas a ninguén se lle escapa que La Sexta non está precisamente do lado dos soberanistas, o seu é máis ben –oh, qué cadrada tran grande- centrarse no eixo do social, ese no que tan pez estaban as mulleres “abandeiradas” por Cataluña e España. 

 

Case nada é inocente, insisto, e supoño que a estas alturas a ninguén se lle escapa que La Sexta non está precisamente do lado dos soberanistas

 

Reitero, non vou xustificar o descoñecemento dese dato, nin agora nin cando Zapatero ou Rajoy cometeron o mesmo erro, o de non levar aprendido o prezo dun café, pero pensade tamén no que ten de preocupante non lembrar xa con exactitude de que candidato á presidente se trataba; cando xa a política che resulta intercambiable é que algo non se está facendo como se debe.

 

Pero volvamos con Pablo, porque o seu, nin hoxe, son capaz de quitar da cabeza. Agardei coma unha parviña unha rectificación, non tanto por min, senón pola xente que estivo cóbado con cóbado nas prazas o 15 M, persoas activistas dende os tempos dun bacherelato que non che daba todas as respostas que ti precisabes e que, en moitos casos, aínda están ausentes. Dubido que lle tivese chegado o seguinte chío e é unha lástima porque se a min me estremeceu, punki, ácrata e cínica como son, cómo lle tería sentado a el o ler: “Hoxe síntome máis indignada que o 15M”.

 

Conste que, para min, non foi o máis grave. Retomar as vellas soflamas da conciencia de clase, de clase obreira, e advertir a esa clase -entre as que me inclúo, como obreira das palabras- de que moito coidado con caer na tentación das bandeiras, da identidade, e de priorizalas sobre todo o demais…. Iso non é que desperte o fascismo; acaso iso non é fascismo puro e duro?

 

Así que tiven unha crise de identidade e, nun novo intento de entender, mudei de novo o billete para facer un percorrido polo meu país, iso si, facendo mil contas coa pasta que me ía deixar en gasofa, porque a conciencia de clase non dá nin para comer nin para viaxar. Percorrín as miñas paraxes favoritas e, malia que comparto iso que tan ben interpretou Federico Luppi de que “a esquerda é un pin e a patria un invento”, tiven o meu sentimento de pertenza. Sei que son o que son e como son froito desta terra, deste océano, desta paisaxe, desta luz, deste outono… Por iso, para min, por exemplo, que o teño asumido dende moi nena dende a normalidade, non ten nada a ver nin entra en contradicción nin pode contrapoñerse á loita pola xustiza social. 

 

IMG-20171207-WA0008É o que vulgarmente se chamaría marcar paquete, pero sen rexistro machote, senón susurrante. Unha impostura que tivo o seu primeiro zasca nos datos do CIS, pero como isto é política, tanto ten que comas a ostia da túa vida, que se acabas sendo  chave… non é que sexas Deus, é que vas crer que o es e iso… si que ten difícil cura.

 

Logo veu a nova dos que van ficar na cadea durante a campaña, por risco evidente de reincidencia, por uns delictos parece ser que gravísimos e violentos que, xa vos digo, calquera diría que unha vén a Siria e non a Barcelona, a facer crónica dunha cidade invivíbel, á que mellor vir pertrechada de chalecos con bolsillos incontables porque nunca se sabe onde vai estar a foto, a declaración ou a bala.

 

Calquera diría que unha vén a Siria e non a Barcelona, a facer crónica dunha cidade invivíbel

 

Levo pouco tempo, salvo a viaxe tamén en taxi do aeroporto até aquí -un taxi igualmente pouco ruidoso, todo hai que dicilo- e a única percepción recoñecíbel que teño é a dunha cidade que está de ponte, como tantas otras veces que a teño visitado por estas datas. Algo de cartelería electoral salpicada pola Diagonal, pero tamén sen berrar e un barrio no que conviven pacíficamente as esteladas, o Si e o Aquí damos refuxio. Un barrio de cataláns, charnegos e hindúes, un barrio obreiro, vaia, dos que reclaman ao tempo unha vida digna no social, pero tamén no territorial. Cecais porque, como ben di o lema de ERC: A democracia sempre gaña, ou debería. E isto é realmente do que se trata, señores e señoras. Cos pés na terra, literalmente, ademais, dígolles: a independencia é unha metáfora, pero o que está en xogo non o ides ver se non vos achegades aquí e/ou non vos desintoxicades dos medios do réxime que, neste caso concreto, desgrazadamente son case todos.

 

Nota: as fotografías son da autoría de R.R.



x