Nova Democracia obtería a maioría absoluta e Syriza afundiría de haber agora eleccións en Grecia

Nova Democracia obtería a maioría absoluta e Syriza afundiría de haber agora eleccións en Grecia

Unha sondaxe publicada polo diario conservador ‘Eleftheros Typos’ outórgalle 163 escanos a ND e 53 a Syriza, que perdería 92 deputados. O KKE, comunistas, ascenderían até ser a cuarta forza, con 20 representantes; superados pola extrema dereita de Mencer Dourado, que atinxiría 25.


A dereita sería a clara vencedora das eleccións gregas de se realizar agora os comicios en Grecia. Iso é ao menos o que vaticina a enquisa que vén de ser publicada polo diario Eleftheros Typos, un xornal de tendencia conservadora fundado a comezos da pasada década dos 80. A sondaxe aponta que Nova Democracia (ND), a formación de centro dereita, obtería 163 dos 300 escanos do Parlamento, a maioría absoluta. Nos comicios de setembro de 2015 lograra 75 parlamentares. O apoio nas urnas foi daquela un 28% e sería agora, segundo esta enquisa, dez puntos superior, un 38%.

O importante aumento de ND coincide co derrubamento de Syriza, que perdería 92 deputados, case dous terzos dos 145 que posúe na actualidade, ficando con apenas 53 nuns comicios, segundo este xornal. Do 35,5% dos votos que logrou en 2015 pasaría a ter agora menos dun 18%. 

A extrema dereita de Mencer Dourado sería a terceira forza en deputados, lograría o 8,2% dos sufraxios e 25 escanos, oito máis dos que posúe na actualidade. Os comunistas do KKE pasarían ser cuarta forza na Cámara, con 20 deputados, 5 máis que agora, e un apoio do 6,8% nas urnas (obtivera o 5,6% en 2015), superando o Pasok. Este, segundo esta sondaxe, lograría tamén 20 deputados, 3 máis que agora, e cun 6,7% dos votos.

A enquisa deixa sen representación formacións como To Potami, que na actualidade ten 11 escanos, e augura a entrada na Cámara de formacións como PE (socialista, euroescéptica), que obtería nas eleccións 10 escanos. Os centristas liberais de EK lograrían 9 parlamentares, completando así a composición da Cámara grega.

Non é esta a primeira enquisa que debuxa un escenario de vitoria da dereita e importante caída de Syriza. Unha sondaxe publicada a finais do 2016 apontaba a unha vitoria de ND, que obtería un 35,5% dos votos, mentres que Syriza pasaría dos 35% que logrou en 2015 a ter un 20%. 



x