A APLICACIÓN DO 155

Prazo dunhas horas para o president e os consellers recolleren as súas pertenzas dos seus despachos

Prazo dunhas horas para o president e os consellers recolleren as súas pertenzas dos seus despachos
Imaxe de El Nacional
Imaxe de El Nacional  

[ACTUALIZACIÓN ÁS 10.51]. Só consta a presenza dun conseller, Josep Rull, no seu despacho durante esta mañá. Estivo até as 10 horas, momento en que abandonou o seu escritorio para acudir a unha reunión do PDeCAT. O Goberno español concede a president e consellers un prazo dunhas horas para recolleren as súas pertenzas. E advírtelles de que, se transcorrido ese prazo continúan a ocupar os seus despachos, poderían enfrentar cargos por un delito de usurpación de funcións, castigado no código penal con penas de un a tres anos.


Desobedecer o cesamento imposto por Mariano Rajoy, publicado no BOE na madrugada do sábado, e acudir esta segunda feira a traballar nos respectivos departamentos e coa máxima normalidade que sexa posíbel. Esta era a perspectiva coa que, segundo informaban meios próximos ao bloco indepedentista, o Govern afrontaba o primeiro día laborábel após a entrada en vigor do artigo 155.

 

A realidade é que o único conseller que efectivamente ocupou o seu despacho foi Josep Rull, quen fixo rular unha foto súa no escritorio.

 

A reacción do Goberno español non se fixo esperar e, en declaracións a ElNacional.Cat, fontes da Moncloa indicaban que darían unhas horas ao president e aos consellers para acudiren aos seus despachos a recolleren as súas pertenzas, unha circunstancia -alegaron- perfeitamente normal cando un gabinete cesa nas súas funcións.

 

As mesmas fontes informaron, aliás, de que se Puigdemont e a súa equipa ocupan os seus despachos máis alá dese prazo estarían a cometer pretensamente un delito de usurpación de funcións, penado entre 1 e 3 anos de prisión. Na mesma situación atoparíanse os seus cargos de confianza.

 

 

Querela

 

Ora ben, o independentismo é consciente de que esta situación non pode prolongarse indefinidamente. Hai dúbidas sobre como actuarán os Mossos, se cumprirán as ordes de impedirlles acceder aos despachos ou mesmo de detelos. Pende en todo isto a querela por rebelión que prepara a Fiscalía.

 

Aliás, coa intervención de contas da Generalitat e outras medidas a marxe de actuación de consellers e outros cargos está máis que limitada.

 

21D

 

O independentismo, mentres tanto, ten que ir deseñando un posicionamento de cara ao 21D. As eleccións convocadas por Mariano Rajoy obrigan a resolver varias incógnitas. En primeiro lugar, se se concorre a elas ou non. En segundo, baixo que fórmulas e con que programa. O constitucionalismo xa situou o 21D na axenda como unha oportunidade para derrotar o ‘procés’ e vai dedicarse a iso con total empeño, como demostrou na multitudinaria manifestación deste domingo en Barcelona. PSC, PP, Cs baixo a mesma bandeira rojigualda e cun discurso común, resumido polo ex-ministro Josep Borrell: “Imos botar fóra o goberno nacionalista”.

 

A opción dunha “fronte ampla” contra o 155, insinuadas nas últimas horas por Dante Fachin (Podem) e Gabriel Rufian (ERC), foi asumida polo propio Oriol Junqueras nun artigo esta fin de semana en El Punt Avui, artigo en que abría a porta a unha participación nas eleccións do 21D. Desde En Comù Podem, porén, xa se apresuraron a desbotar unha fronte con JxS e a CUP.

 

Todo está, pois, aberto. E mentres estes debates se daban, varios concellos cataláns (con alcaldías da CUP, de ERC e de PDcat) anunciaron que non cederían espazos para os comicios convocados por Mariano Rajoy por ser os mesmos debedores da aplicación do 155. 



x