BÉLXICA ADMITE TER COÑECIDO O PROBLEMA XA EN XUÑO

Sete países europeos afectados por ovos contaminados

Sete países europeos afectados por ovos contaminados

A crise de ovos afectados por un pesticida destapada a semana pasada en Holanda exténdese xa a sete países de Europa. Francia e Reino Unido son os dous últimos en incorporarse a esta lista. Bélxica recoñece ter coñecemento do problema dende xuño. A OMS califica de “moderadamente peligroso” o consumo destes produtos e os expertos sinalan que a inxesta dos mesmos pode causar, no  peor dos casos, danos a fígado, tiroides e riles.


Todo comezou hai unha semana en Holanda cando tras detectar unha elevada cantidade de pestidicida en 28 lotes de ovos, o goberno aconsellou interrumpir o consumo. Ademais, retiráronse os produtos contaminados do mercado e bloqueouse a produción de 180 gandeiros. A preocupación que xurdiu foi se a carne para consumo estaría tamén contaminada, polo que se están a realizar análises para determinalo.

 

Porén, Bélxica admitía coñecer a existencia dunha posíbel contaminación de ovos dende o mes de xuño. Se a información non se fixo pública foi debido á investigacion que se estaba levando a cabo, declarou a portavoz da axencia de seguridade sanitaria belga. 

 

A crise dos ovos contaminados exténdese agora a outros países onde estes ovos son comercializados. Holanda, Bélxica, Alemaña, Suecia, Suiza, Francia e Reino Unido son até o momento os países que detectaron a chegada de ovos contaminados por pesticidas. Estes produtos proceden de granxas onde se emprega fipronil, un pesticida que elimina piollos e pulgas e cuxo uso está prohibido en animais que forman parte da cadea alimentaria.

 

Aínda que as autoridades sanitarias consideran que o risco para a saúde é mínimo, a Organización Mundial da Saúde (OMS) afirma que o seu consumo é “moderadamente perigoso”. Os expertos sinalan que a inxesta desta substancia en elevadas cantidades pode producir vértigos, náuseas ou vómitos. En casos graves, pode chegar a danar o fígado, a tiroides e incluso os riles.

 



x