Podemos cesará a Fachin despois da consulta ás bases sobre as coalicións cara o 21D

Podemos cesará a Fachin despois da consulta ás bases sobre as coalicións cara o 21D
Pablo Iglesias e Albano Dante nunha imaxe de arquivo.
Pablo Iglesias e Albano Dante nunha imaxe de arquivo.  

Trinta e catro círculos de Podem solicitan a celebración dunha asemblea extraordinaria que non se celebraría antes das autonómicas, pero que supón outra medida de presión ao actual líder do partido en Catalunya para que abandone a dirección.


O Consello Cidadán Estatal de Podemos acordou onte adiar o cesamento de Albano Dante Fachin como líder de Podem. A formación de Pablo Iglesias esperará até a terza feira para valorar o resultado dunha consulta ás bases de Podem sobre a fórmula de participación nas autonómicas do 21D. Se os inscritos apoian a proposta de Iglesias de manter a coalición con Catalunya en Comú, a saída de Dante Fachin e a súa dirección podería precipitarse.

 

O Consello Cidadán Estatal de Podemos anunciou a convocatoria dunha asemblea extraordinaria da formación en Catalunya, respondendo á solicitude de 34 círculos, que probabelmente non se celebre antes das autonómicas do 21D. A asemblea sería o momento para o relevo de Dante Fachin, mais desde a dirección estatal xa se advertiu onte que si as bases de Podem respaldan a alianza co partido de Ada Colau, o líder catalán debería dimitir “por coherencia” ou, de non facelo, ser cesado polo Consello Cidadán cumprindo “o mandato dos círculos e dos inscritos”, segundo fontes de Podemos citadas por diferentes medios.

 

Albano Dante Fachin foi elixido en xullo de 2016 como líder de Podem. Deputado no Parlament desde outubro de 2015, nos últimos meses mantivo posicións menos belixerantes coas teses do bloque independentista das que sostén a coordinación do grupo Catalunya Sí Que Es Pot. Porén, o que tería acelerado a súa caída serían as súas críticas á política defendida para Catalunya por Pablo Iglesias desde Madrid e á intervención da dirección estatal no funcionamento de Podem. Dante Fachin acusa a Pablo Iglesias de actuar como Rajoy coa aplicación do 155 para intervir Podem.



x