EN MAREA, TAMÉN COS COMÚNS

Pontón e Villares estarán na Diada

Pontón e Villares estarán na Diada

O epicentro político está neste momento en Barcelona, en pleno conflito entre o pobo catalán e o estado español. BNG e En Marea estarán presentes na manifestación. A confluencia anuncia tamén participación nun acto político do partido de Ada Colau, embora a alcaldesa de Barcelona non teña esclarecido aínda se vai colaborar co 1-O.


A posición do BNG é nidia, apoio inequívoco ao referendo. A de En Marea é máis ambigua, desde o momento que no seu seo conviven componentes que si o respaldan (o sector de Villares, a Anova de Antón Sánchez, neste asunto converxentes, nos orgánicos non) e outros fragmentos (Podemos e Esquerda Unida) que non defenden a consulta autodeterminista de 1-O porque opinan que carece das suficientes garantías ao non ter sido pactada con Madrid e faltarlle o recoñecimento internacional.

 

Así as cousas, o BNG envía unha delegación do máis alto nível -encabezada pola súa líder, Ana Pontón- á manifestación da Diada, mentres que En Marea estará á vez nesta e no acto político que convocan os comúns en Santa Coloma. Estarán, pois, con Ada Colau e os seus, no ollo do furacán estes días en Catalunya por non teren aderido -como si outros máis de 500 concellos catalás- o referendo de autodeterminación.

 

De feito, os comúns aínda non teñen resolvida a cuestión de se apoian ou non o referendo e a súa dirixencia despraza a decisión á militancia, nunha consulta interna a se realizar esta semana (entre a terza e a quinta feira). As e os inscritos en Catalunya en Comú, por volta de 10.000 persoas, terán de contestar a pergunta: "Catalunya en Comú ten que participar na mobilización do 1 de Outubro?", un texto que elude a palabra "referendo", sendo que os de Ada Colau lle negan carácter como tal á consulta autodeterminista convocada polo Govern para o 1 de outubro.

 



x