O porta-avións que Trump seica enviara a Corea aínda está fronte á costa de Australia

O porta-avións que Trump seica enviara a Corea aínda está fronte á costa de Australia
O portavións Carl Vinson
O portavións Carl Vinson  US Navy

Mentiu Donald Trump. Mentiu o secretario de Defensa. Mentiu a Armada norteamericana. O USS Carl Vinson -un porta-avións norteamericano líder dunha frotilla de ataque- non puxo rumo a Corea do Norte o 8A para disuadir Pyongyang de realizar un novo test nuclear. En realidade, 11 días despois do anuncio, o navío continúa en augas de Mar de Xava, na costa noroccidental de Australia.


A guerra psicolóxica ás veces acaba adquirindo caracteres esperpénticos e con frecuencia a realidade supera a ficción. Nun episodio que evoca o Dr. Strangelove de Stanley Kubrick, a opinión pública mundial soubo esta terza feira que o porta-avións que Trump supostamente enviara a Corea do Norte o pasado 8 de abril para condicionar o goberno de Kim Jong-un durante a celebración do 105 aniversario de Kim Il-Sung, en realidade aínda non se moveu un milímetro do seu emprazamento en augas de Mar de Xava, na costa noroccidental de Australia.

A secuencia de anuncios falsos dos EUA sobre o deslocamento do USS Carl Vinson produce perplexidade (e probabelmente hilaridade nos servizos secretos norcoreanos).

O 8A, a Armada norteamericana informa de que se estaba a dirixir cara á península coreana unha frota de ataque liderada polo porta-avións USS Carl Vinson como unha "prudente medida" para deter as probas balísticas de Pyongyang.

Tres días despois, o secretario de Defensa, Jim Mattis, anuncia que a frota está "na súa rota" cara á península coreana. O 12A, Donald Trump trombetea: "Estamos a enviar unha armada. Moi poderosa".

Pois non. E non é de estrañar que Pyongyang non se sentise disuadida e que lanzase un novo mísil, o domingo, embora acabase sendo unha proba falida. Kim Jong-un non percibiu como ameaza a armada norteamericana porque... aínda non partira do Mar de Xava!!

A patraña norteamericana saíu á tona esta terza feira cando un portavoz oficial da Defensa dos EUA dixo a France Press que a frota do Carl Vinson aínda se achaba perante as costas australianas.

"Comezarán a pór rumo norte cara ao Mar do Xapón dentro das próximas 24 horas", dixo o portavoz en condicións de anonimato.

Dada a distancia, non se agarda que a frota poda chegar á península coreana até principios da próxima semana.

O episodio dá para facer brincadeiras, mais tamén abre interrogantes sobre a relación que ten a administración Trump co poder militar estadunidense. De verdade non lle podían enviar un whatsapp á Casa Branca para anunciarlle que os navíos non zarparan aínda rumo a Corea?



x