PABLO CASADO, PARTIDARIO DE ILEGALIZAR AS FORZAS INDEPENDENTISTAS

O PP advirte a Puigdemont que pode acabar como Compayns

O PP advirte a Puigdemont que pode acabar como Compayns

Pablo Casado, vicesecretario de Comunicación do Partido Popular, advertiu que a declaración de independencia pode acabar "como hai 83 anos”, en referencia ao presidente da Generalitat Lluis Compayns, que foi detido, preso en 1934 na II República e posteriormente, en 1940, fusilado polo réxime franquista. O día despois da manifestación unionista de Barcelona, Casado emitiu un discurso durísimo que non deixa ningún espazo á negociación e até deixou caer a hipótese da ilegalización dos partidos independentistas.


O PP advirte a Carles Puigdemont que “non declare a independencia porque pode que a declaración acabe como a que se fixo hai 83 anos”, en referencia ao presidente da Generalitat Lluis Compayns, que acabou detido, preso en 1934 na II República e posteriormente, en 1940, fusilado polo réxime franquista. Casado esclareceu despois que non quería referirse ao fusilamento senón á súa detención en 1934 após declarar o estado catalán (dentro da república federal).

 

Compayns, exiliado en Francia, foi detido o 13 de agosto de 1940 pola Gestapo nazi por orde das autoridades españolas con colaboración de membros da embaixada española en Francia. É levado primeiro a Madrid,e posteriormente ao Castelo de Montjuic en Barcelona para facerlle un consello de guerra sumarísimo sen garantías procesais e, posteriormente, fusilado.

 

Aliás, o PP considera que a manifestación unionista deste domingo en Barcelona é un “novo espírito de Ermua”, referíndose ao movemento en Euskadi contra o asasinato de Miguel Ángel Blanco. Casado sinalou, referíndose ao ‘procés’, que o “nacionalismo revestido de racismo, que é a máis baixa das paixóns” será derrotado como “o terrorismo”. 

 

Nada que negociar

 

O discurso de Pablo Casado foi extraordinariamente duro. En ningún momento abriu a marxe nen á negociación nen a mediación. “Non hai nada nen que ceder nen que mediar nen que negociar con golpistas", dixo. E acrecentou: "Non hai nada que negociar, España é o país máis descentralizado do mundo, non fican case competencias que transferir".

 

Casado fixo unha especie de remake da intervención abertamente ultra de Vargas Llosa na clausura do manifestación unionista de Barcelona.  “O nacionalismo vai estar cada vez máis débil. É a ideoloxía máis sinistra que tivo a humanidade, como dixo Vargas Llosa onte na manifestación" e a seguir definiunse partidario de ilegalizar as formacións políticas que defendan a independencia, en aplicación da mesma Lei de Partidos que puxo fóra da legalidade as organizacións que non condenaban o terrorismo.

 



x