Oriol Junqueras continuará en prisión

Oriol Junqueras continuará en prisión
Junqueras, á súa chegada á Audiencia Nacional  2 de novembro pasado, o seu último día en liberdade
Junqueras, á súa chegada á Audiencia Nacional 2 de novembro pasado, o seu último día en liberdade  

A sala segunda do Tribunal Supremo non tomou en consideración a aposta do ex vicepresident polo "diálogo" e a "bilateralidade" e asumiu as teses da Fiscalía, partidarias de manter a prisión incondicional. 


O Govern destituído polo Consello de Ministros o pasado 27-O é unha organización delictiva e non existen garantías de que Oriol Junqueras fose cumprir coa legalidade vixente de ser posto en liberdade condicional, argumentou a Fiscalía durante a vista realizada esta quinta feira na sala segunda do Tribunal Supremo.

 

Os maxistrados do TS -Miguel Colmenero, Alberto Jorge Barreiro e Francisco Monterde- dan a razón á Fiscalía e acordan o mantimento en prisión de Junqueras, encarcerado en Estremera desde o pasado 2 de novembro. Presumibelmente continuará na cadea até ser xulgado polos delitos de rebelión, sedición e malversación de fundos públicos. O xuízo non vai ter lugar antes do verán deste ano, segundo fontes xurídicas.

 

A decisión foi adoptada por unanimidade, o que revela o grao de proximidade do poder xudicial co executivo no Estado español. Os maxistrados van alén de rexeitar o recurso da defensa -unha apelación contra a decisión adoptada polo xuíz Llarena o pasado 4 de decembro que determinaba a continuidade de Junqueras na prisión- e entran no fondo da cuestión -os cargos que pesan sobre o líder de ERC. A este respeito, afirman que "hai indicios da comisión por parte de Junqueras de delitos de rebelión, sedición e malversación de fondos públicos".

 

Entenden tamén que "existe un serio risco de reiteración delictiva" por parte do dirixente soberanista -postulado por ERC como novo president se finalmente se malograr a vía Puigdemont-, factor que os leva a manter a prisión incondicional como medida cautelar.

 

"Son reféns máis que presos políticos"

 

Entre as reaccións a esta decisión do TS dentro do bloco soberanista, sobrancea a de Carles Puigdemont, para quen Junqueras e os consellers encarcerados en Estremera serían neste momento "reféns" máis que "presos políticos".

 

 

 

Contundente, na súa liña habitual, foi tamén o congresista de ERC Gabriel Rufián

 



x