Puigdemont deixa en suspenso a declaración de independencia para abrir unha negociación

Puigdemont deixa en suspenso a declaración de independencia para abrir unha negociación
Imaxe: @govern
Imaxe: @govern  

O president recoñece que o mandato das urnas foi claro e que Catalunya “gañou o dereito a ser un estado independente”. Porén, pula por escoitar as voces que piden diálogo. “Demando do goberno español que escoite e da UE, que se implique”.


Carles Puigdemont comezou a súa intervención con máis dunha hora de adiamento, un retraso derivado, segundo medios cataláns, tanto dunha oferta de mediación internacional como de discrepancias de última hora coa CUP. “Catalunya gañouse o dereito a ser un estado independente”, dixo o president catalá, “debe ser escoitada e respetada”. Puigdemont asegurou que asumía o “mandato do pobo de Catalunya” de convertirse nun estado independente “en forma de república”, un mandato saído das urnas o 1-O. Porén, a seguir avogou por “suspender a declaración de independencia a favor do diálogo”. 

 

“O si á independencia gañou as eleccións e un referendo baixo unha chuvia de golpes de porra. As urnas din si á independencia. E este é o camiño que estou comprometido a transitar”, dixo o mandatario catalán. “Hai un antes e un despois do 1-O”.

 

Puigdemont afirmou que “ningunha institución do estado quer dialogar” e, en castelán, dirixiuse aos españois para afirmar que “non somos uns tolos, non somos uns golpistas, non somos uns abducidos”, senón que simplemente “somos xente normal que pedimos votar”. Lembrou que a lei vixente actualmente en Catalunya é un "estatuto irrecoñecíbel, dobremente recortado e non refrendado pola cidadanía", ao que engadiu que a inmensa maioría da sociedade catalá quer decidir sobre o seu futuro.

 

"Até en 18 veces pedimos ao Estado un referendo pactado", dixo, peticións sen resposta ningunha. "A resposta do Estado foi unha negativa absoluta". Unha posición que se traducíu, entre outras cuestións, en persecución xudicial de cargos electos.

 

Reaccións

 

As primeiras reaccións chegaron a través das redes sociais e de sectores independentistas. Arran, organización da mocidade da esquerda independentista, considera que Puigdemont "frena o mandato claro e rotundo do refrendo" e comete unha "traición". Desde a CUP, e a través do twitter, lembrabana que "nós, como a xente, viñemos provlamar a república".

 

A líder de Ciudadanos foi a primeira en intervir, como principal forza da oposición, na quenda de resposta a Puigdemont. Inés Arrimadas asegura que o presidente declarou a independencia pois, dixo, “unha independencia en diferido e condicionada continúa a ser unha declaración de independencia”. Arrimadas cargou duramente contra o nacionalismo catalán, ao que acusou de ser “o peor que hai en Europa” e acusou Puigdemont de poñer en risco a propia autonomía catalá. Ao tempo, apelaba aos cataláns non independentistas a “seguir loitando”, pois “somos maioría e gañaremos as eleccións de verdade”. 

 

MIquel Iceta (PSC), pediu a Puigdemont que convocase eleccións, como única saída posíbel. Acusou o president catalán de impulsar un refrendo que "non uniu o país" e reiteroulle que "o problema non é España".

 

Por Catalunya Si que Es Pot (CSQP) tomiu a palabra Lluis Rabell, celebrou a porta aberta ao diálogo que se desprendía da renuncia de Puigdemont a provlamar a independencia unilateral.  "O camiño da unilateralidade é impracticábel, a DUI é unha fuxida cara a diante e que ninguén recoñecería e crearía unha profunda división na sociedade catalá". Pablo Iglesias agradeceu o "seny" de Puigdemont e pediu a Rajoy que asuma o diálogo.

 

Xavier García Albiol (PP) afirmou que o goberno catalán estaba a dar "un golpe de estado cun proceso prerevolucionario" e defendeu que a maioría de cataláns síntense españois, parte dunha "nación" que é a máis "antiga de Europa". E advertiu a Puigdemont que o "estado de dereito" español nunca ía permitir a independencia.

 

Anna Gabriel (CUP) non ocultaba a súa decepción mais no seu discurso apostou en fuxir de derrotismos. "Hoxe tocaba declarar a república", dixo, ao tempo que engadía que "o único medio posíbel de negociación co Estado español é a república". "Non pensamos renunciar, non hai derrota que vala", manifestou Gabriel, que animou a continuar loitando pola república catalá. 

 

 



x