O REFERENDO PACTADO QUE MADRID NON ASUMIRÁ

Puigdemont e Junqueras oferecen a Rajoy a vía escocesa

Puigdemont e Junqueras oferecen a Rajoy a vía escocesa
Puigdemont, na tribuna. Oriol Junqueras, en segundo plano, no seu escano [Imaxe: NacioDigital] Carles Puigdemont
Puigdemont, na tribuna. Oriol Junqueras, en segundo plano, no seu escano [Imaxe: NacioDigital] Carles Puigdemont  

Máis unha vez a vía escocesa sobre a mesa. Un referendo pactado. Como no Reino Unido. Iso é o que demandan de Madrid os líderes soberanistas cataláns Carles Puigdemont e Oriol Junqueras, a meio dun artigo que viu a luz esta segunda feira en El País.


 

Puigdemont e Junqueras -presidente e vicepresidente da Generalitat, respectivamente- aspiran a que sexa Madrid quen teña que asumir o desgaste de aparecer perante a opinión pública como a parte que non quer dialogar no conflito político entre España e Catalunya. Iso é o que os leva a publicar un artigo en El País sob o título de Que gañe o diálogo, que as urnas decidan. Saben perfeitamente que non existe ningunha posibilidade de Madrid aceitar unha vía á escocesa, mais en política é fundamental conseguir que sexa o outro bando o que apareza como o intolerante. Destarte, desde Barcelona se quer opor unha oferta de diálogo á ofensiva xudicial desatada desde Madrid contra o soberanismo, coa recente inhabilitación de Mas e o amago de recorrer ao estado de excepción para anular a autonomía catalá.

Rajoy en ningún caso se vai abrir a un cenario de negociación dun referendo. Primeiro porque as súas convicción llo impiden. Segundo porque ninguén no PP defende esa oposición. E terceiro porque tampouco a defende ninguén no aínda principal partido da oposición, o PSOE, por máis que nas últimas semanas Pedro Sánchez utilizase por vez primeira o termo plurinacional para se referir ao estado español.

"Entre Reino Unido e Escocia houbo acordo porque houbo vontade política de convocar e permitir un referendo. Non se deixou en mans de tribunais o que se puido resolver politicamente", afirman Puigdemont e Junqueras no seu artigo, unha peza na que tamén deslizan críticas ao goberno español, ao que apoñen unha "pulsión populista e simplona de resolver a diferenza mediante a prohibición, os muros e a discriminación".

O plano B a un non de Madrid á consulta pactada é a realización dun referendo unilateral de autodeterminación

En contraste con esa atitude de Madrid, Catalunya -enfatizan os líderes soberanistas cataláns- sempre apostou no acordo. "O cenario do referendo acordado é o que desexaríamos en Catalunya. Queremos lembrar que o propuxemos xa en diversas ocasións. Hoxe, embora os maos agoiros e o rexeitamento frontal do Goberno español, voltamos a insistir niso", conclúen.

En todo caso, os responsábeis políticos do Govern teñen clarísimo que facer no caso, seguro, de o Goberno español se negar a calquera negociación. "Se se manter o rexeitamento frontal [ao referendo pactado] non é nengunha surpresa que reiteremos que non imos a renunciar a exercer ese direito". E esclaréceno aínda máis: "Imos facer o indecíbel para os cidadáns de Catalunya poderen votar en 2017, nun referendo de autodeterminación".

As únicas forzas políticas catalás radicalmente contrarias a calquera caste de referendo son PP e Cs. Até o PSC ten defendido nalgún momento -nomeadamente durante a época de Pere Navarro como primeiro secretario- a consulta pactada.

 



x