Puigdemont: “O monarca do 155 ten unha oportunidade para rectificar”

Puigdemont: “O monarca do 155 ten unha oportunidade para rectificar”

Lembra que Filipe VI, no discurso do 3 de outubro, posicionouse coa liña dura do goberno español, actitude que lle insta a cambiar no discurso de Noiteboa.


 

“O rei do 155 ten unha última oportunidade para a rectificación”. Así se manifestou Carles Puigdemont nunha entrevista esta fin de semana coa axencia Reuters referíndose ao discurso televisado que Filipe VI fará esta Noiteboa.

 

“O monarca decidiu tomar parte coa política do goberno español”, asegurou Puigdemont, que cualificou como “erro grave” ese posicionamento. O líder catalán sostén que no seu discurso televisado do pasado 3 de outubro, Filipe VI “preferiu ser o monarca do 155, o monarca do goberno español, e non o xefe dun Estado que podía acoller solucións diferentes”. Puigdemont instou Felipe VI a corrixir esa postura no seu discurso de Noiteboa.

 

O cabeza de lista de Junts per Catalunya tamén dixo na entrevista que está “preparado” para “defender as institucións catalás e o mandato das urnas. Para min iso é o máis importante. Estou en Bruxelas para poder continuar a defender iso. Desde a prisión non o podería facer, iso sería unha pésima nova para a democracia española”.

 

Asegura que el quere volver a Catalunya e considera que sería unha boa noticia para Catalunya e para España que a democracia española "restituíra a legalidade democrática que o goberno español interrompeu".



x