Puigdemont ve "perverso" o "sistema mediático español" por impor o "odio" e a "mentira permanente"

Puigdemont ve "perverso" o "sistema mediático español" por impor o "odio" e a "mentira permanente"
Puigdemont, nunha das súas comparecencias desde Bélxica
Puigdemont, nunha das súas comparecencias desde Bélxica  

Carta do president e dos 4 consellers deslocados a Bélxica ao pobo catalán, enviada xusto o día da comparecencia da presidenta do Parlament e dos membros da Mesa perante o Supremo baixo a acusación de rebelión por teren autorizado a tramitación da DUI. "Toca expulsar das institucións os que se quixeron apropiar delas cun golpe de Estado", afirman na misiva.


O Govern lexítimo de Catalunya continúa operativo e vaino facer até a plena restitución da democracia en Catalunya que pasa por expulsar das institucións representativas do país as forzas golpistas. Ese é o núcleo argumental da carta que Carles Puigdemont, Clara Ponsatí, Meritxell Serrat, Toni Comín e Lluís Puig dirixiron esta quinta feira ao pobo catalán.

 

A actual situación do Govern -parte en prisión, parte no exilio- é "claramente contraria ao Estado de Direito e ao ordenamento da Unón Europea" e afasta aínda máis o Estado español "do grupo de países referentes de boas prácticas democráticas".

 

Por que o Estado actúa como actúa? Por que activou unha "estratexia desesperada e extrema" perante a "firmeza democrática das institucións e a cidadanía de Catalunya"? A xuízo de Puigdemont e os seus 4 consellers porque "sempre defendimos que a vía democrática é a única que nos permite vehicular a lexítima aspiración da independencia de Catalunya". "Morta a democracia, morta a independencia, velaquí a súa esperpéntica estratexia", afirman.

 

Para o Govern no exilio constitúe un "grave erro" do Estado español "pensar que a represión é o camiño para que unha boa parte dos cataláns abandonen as súas lexítimas aspiracións". "Poderán impoñerse fisicamente sobre nós, pero nunca poderán derrotar os nosos marcos mentais".

 

Na represión participarían directamente os mass media unionistas: "Poderán humillarnos e asediarnos, a nós e ás nosas familias, respaldados polo perverso sistema mediático español, que ten imposto un relato de odio e de mentira permanente sobre as institucións políticas e as entidades soberanistas e cidadás, mais non poderán derrocar nunca as nosas aspiracións democráticas".

 

Autocrítica

 

Na misiva tamén hai espazo para a autocrítica. Puigdemont e os consellers admiten "a nosa falta de respostas rápidas perante os ataques desmedidos contra os representantes e as institucións lexítimas catalás", en alusión á aparente pasividade dos soberanistas nas horas inmediatamente posteriores á activación do artigo 155 por parte do Estado. "Mais asegurámosvos que continuamos fortes e en pé e que nin a vós nin a nós nos poderán roubar nen un chisco da dignidade coa que afrontamos estas horas difíceis das nosas vidas e da vida do noso país".

 

Para reforzar esta imaxe de executivo plenamente operativo, anuncian na carta a posta en marcha dunha "estrutura estábel" para "coordenar as accións do Govern" visando aprofundar na liña de internacionalización co conflito e a denuncia da "politización da xustiza española", ben como "a súa vontade de perseguir as ideas".

 

Críticas a UE por "amparar" a represión española

 

"O tempo que pasaremos entre reixas españolas ou no exilio non será debalde se imos unidos máis que nunca na defensa de Catalunya e na denuncia democrática do Estado español, ben como dos abusos dunha UE que ten tolerado, e mesmo amparado de forma vergoñosa, as actuacións represivas españolas".

 

Debuxa o Govern unha "folla de rota" clara por diante. Defender a democracia é o primeiro chanzo. "Infelizmente toca voltar a facelo, como xa aconteceu noutros momentos da historia, cando nos visitou o clan do 155 en forma de Primo de Rivera, xeneral Franco ou Filipe V". Segundo chanzo: expulsar democraticamente "das nosas institucións" a aqueles "que se quixeron apropiar delas por meio dun golpe de estado".

 

Nesa perspectiva, e nun claro chamado a participar nos comicios do 21-D, o Govern no exilio afirma asumir as eleccións "que nos plantexa o Estado o día 21" como "un reto para recuperar a plena democracia sen prisións, sen vinganzas, sen imposicións, sen furia e chea de futuro, de diálogo e de acordo".

 

O terceiro elemento basilar da "folla de rota" é "conseguir a liberación dos presos políticos que ten secuestrados o Estado español". "Non podemos desfalecer, non podemos ficar inmóbeis perante o sofremento dos seus fillos, das súas parellas, das súas familias, dos seus amigos e da súa xente, que somos todos nós", afirman ao tempo que apelan a unha participación masiva na "Diada Nacional per la Llibertat" convocada o próximo sábado en Barcelona.



x