Pyongyang, aos EUA: "Non vos metades con nós"

Pyongyang, aos EUA: "Non vos metades con nós"
Kim Jong-un
Kim Jong-un  

Máis achas á fogueira da tensión entre os EUA e Corea do Norte. O portavoz do Partido Republicano no Congreso norteamericano Paul Ryan dixo esta cuarta feira en Londres que a opción militar está sobre a mesa. Pyongyang replica desde os seus órgaos de imprensa e advirte aos EUA: "Non vos metades con nós".


O órgao oficial do Partido do Traballo da República Democrática de Corea do Norte, o Rodong Sinmun, alerta os EUA de que Pyongyang está en condicións de lanzar un "super-poderoso ataque preventivo", ao tempo que advirte a Washington: "Non vos metades con nós".

Os órgaos de imprensa do Estado norcoreano afirman que o Exército ás ordes de Kim Jong-un dispón neste momento de míseis inter-continentais con capacidade para dar no albo en solo norteamericano. En troca, analistas dos EUA consideran, segundo informa Reuters, que Pyongyang aínda carece desa tecnoloxía -tería problemas neste momento para miniaturizar as oxivas nucleares, un técnica imprescindíbel á hora de as colocar nos proxectís- embora admiten que as e os enxeñeiros norcoreanos están a realizar progresos.

En todo caso, a retórica pre-bélica é a tónica estes días. Nese sentido foi singularmente agresivo o home de Trump no Congreso, Paul Ryan, quen afirmou que a vía militar debe facer parte do leque de medidas de presión a utilizar para disuadir Corea do Norte de proseguir co seu programa nuclear.

"Permitir a este dictador [por Kim Jong-un] ter ese tipo de poder [nuclear] non é algo que as nacións civilizadas poden permitir que suceda", dixo Ryan, dirixente dunha nación civilizada que acaba de facer estoupar en Afganistán a bomba non nuclear máis devastadora da historia.



x