Rajoy, ameazante: "Vannos obrigar a chegar onde non queremos chegar"

Rajoy, ameazante: "Vannos obrigar a chegar onde non queremos chegar"
Rajoy, durante a xunta directiva do PPdeC
Rajoy, durante a xunta directiva do PPdeC  

Esta sexta feira, Rajoy visitou Barcelona non como chefe do Goberno español, senón como líder do PP, para tomar parte nunha xunta directiva do PPdeC. Alí -alén de se gabar da incautación de 100.000 cartaces do referendo por parte da Garda Civil- deixou a súa mensaxe máis belicosa.


A resposta de Rajoy á oferta de diálogo das principais autoridades catalás -a carta asinada por Puigdemont e Colau- foi elevar o ton e mostrar a disposición do Estado a continuar "actuando" en defensa da lei.

 

Non pode haber diálogo mentres o Govern continúe a desacatar as resolucións do TC, dixo Rajoy, e a seguir engadiu: "Non imos aceitar o que vostés propoñen, non subestimen a forza da democracia española, é moi forte, España é unha grande nación". Aquí a palabra chave é "forza", ou sexa, o despregamento de todos os aparatos do Estado contra os preparativos para a realización do referendo.

 

"Non haberá referendo", voltou a engadir. "Están a cometer un serio erro [dixo en alusión ao bloco independentista] e vannos obrigar a facer aquilo que non queremos", afirmou en referencia a recursos extremos como eventualmente a suspensión dalgunhas competencias básicas da autonomía (por exemplo, a toma de control da TV3 ou a asunción directa do mando sobre os Mossos d'Esquadra).

 

 



x