ANA MIRANDA

“O referendo de Erdogan é unha fraude absoluta”

“O referendo de Erdogan é unha fraude absoluta”
Ana Miranda facendo un 'selfie' con crianzas curdas
Ana Miranda facendo un 'selfie' con crianzas curdas  

Aténdenos por teléfono a piques de embarcar en Istambul no voo de volta a casa após pasar varios días en territorio curdo como observadora da ALE durante o referendo convocado por Erdogan. “Foi un referendo militarizado, feito cun país baixo o estado de emerxencia”, denuncia. 


Ana Miranda, representante do BNG en Bruxelas, volveu embarcarse como observadora internacional nun proceso electoral. Após Timor Leste ou Venezuela, desta volta desprazouse até Turquía, onde fixo parte da delegación de tres mulleres da Alianza Libre Europea (ALE) que tomaron nota do que acontecía en Diyarbakir e contorna, en territorio curdo. Miranda advirte sobre o intento de Erdogan de facer de Turquía unha “teocracia” e considera máis necesaria que nunca a solidariedade internacional para co pobo curdo. Unha solución para o pobo curdo é indispensábel para unha solución pacífica no Oriente Medio”, engade.

- Desta volta en Turquía e de observadora internacional no referendo convocado por Erdogan, non paras.

- Fun como parte dunha delegación de observadores da ALE, a Alianza Libre Europea, que non era oficial pois Turquía só autorizou a da OSCE (Organización para a seguridade e cooperación en Europa). Fomos alí chamados polo HDP [partido de esquerda e pro-curdo], pois non había garantías democráticas. Viaxamos ao Curdistán e a delegación compoñíamola tres mulleres, unha alemá, Heike Haensel (Die Linke), unha vasca, Lorena de Lacalle (Eusko Alkartasuna), e unha galega, eu (ri). Nesa misión de observación estivemos en varios barrios de Diyarbakir capital, onde había máis conflito, e tamén en localidades da súa contorna, como Silvan, onde varios barrios foron destruídos polos militares. Desde novembro de 2015 hai un asedio militar moi forte sobre o Curdistán. De feito, prohibíronnos ir a varias vilas curdas.

- Tes moi claro, e así o denunciaches, que o referendo non cumpriu os mínimos parámetros democráticos.

- Foi unha fraude total, absoluta, e por varias razóns. A primeira é que non houbo condicións de liberdade e igualdade para pedir o voto polo non neste referendo. Os do ‘non’ non puideron facer campaña. E non podemos esquecer que hai 9.000 representantes e militantes do HDP en prisión, incluídos os seus líderes.

Ademais, 15 días antes das votacións impediron que houbese interventores do HDP nas mesas electorais, e impedírono a través de intimidacións, prohibicións ou mesmo con arrestos das persoas que estaban nomeadas para ser interventores. Ían ser 4.000 e ao final apenas puideron ser 600. Con iso fica claro que non se puido verificar a limpeza das votacións. Ademais, en moitos sitios as papeletas non tiñan o obrigatorio selo que se pon cando se vota. Houbo 2 millóns desas papeletas.

A nosa experiencia persoal foi que se nos imposibilitou acceder a certos colexios electorais, a aqueles nos que accedemos limitóusenos poder achegarnos até as urnas, controlábasenos en todo momento: petición de pasaportes, fotografías, avisaban a policía... Sabían en todo o momento onde estabamos, cando chegabamos a un sitio xa nos estaban esperando... Non se permitiu que os observadores internacionais traballasen con normalidade.

- Algo que impide verificar a transparencia e democracia do proceso

Eu estiven en varias delegacións como observadora no mundo, como Timor Leste, Venezuela ou Paraguai, e nunca me puxeran este tipo de impedimentos. Mais en Turquía foi o contrario, os policías estaban moi en tensión con nós. Hai unha normativa turca que di que non pode haber forzas armadas nos colexios electorais, pois ben, había colexios onde había tanques! Non só impedían visitar os colexios, tamén intimidaban os observadores. Había varias delegacións de observadores. Por exemplo, aos italianos non se lles permitiu acceder ao colexio electoral, cos observadores franceses andaron a empurróns, a outros retivéronos durante varias horas para que non puidesen acceder aos colexios...

- O propio contexto de convocatoria do referendo non era o máis democrático...

- Este referendo dáse cando o país está nun estado de emerxencia, decretado en xuño do ano pasado após o intento de golpe de estado. En ningún estado que se diga democrático pode darse un referendo nesas circunstancias. Con medios de comunicación fechados, con miles de militantes de organizacións democráticas no cárcere, sen posibilidade de participar en igualdade, sen posibilidade de verificar o proceso e os resultados... En zonas do Curdistán inhabilitáronse alcaldes, nomeadamente do HDP; e os gobernadores impulsaron a militarización das zonas. Foi un referendo militarizado, sen ningún control democrático. E xa anunciaron que o estado de emerxencia ía prolongarse 3 meses máis. O propio presidente turco dixo ás delegacións de observadores que era mellor que non fosen ao Curdistán, alegando motivos de seguridade.

El con esta reforma o que pretende é unha acumulación de poder e o seguinte paso vai ser instaurar a pena de morte.

- Trump xa avalou o referendo e o seu resultado...

- El e os estados islamistas, como non. A OSCE elaborou un informe moi duro sobre estas votacións.

- Erdogan chegara ao poder cunha mensaxe de certa man tendida cara aos curdos, mais actúa como un verdugo.

- Erdogan e o goberno boicotean calquera mínimo paso cara a un proceso de paz. Insisto: os principais líderes do HDP, así como miles de militantes e representantes, están na cadea. Meteron en prisión até deputados do HDP, estamos a falar do terceiro partido en representación parlamentar en Turquía. Após o visto neste referendo, a comunidade internacional debería involucrarse de vez. Os curdos precisan de apoio internacional. Mais non figuran na axenda internacional, cando é un tema fulcral, transcendental. Unha solución para o pobo curdo é indispensábel para unha solución pacífica no Oriente Medio. Estamos a falar de 40 millóns de persoas que fan parte dun pobo oprimido e nós temos que ser solidarios, é unha cuestión importante no BNG. Non vai haber paz en Oriente Medio se non se contempla unha solución para os curdos.

 



x