Resposta á represión: o apoio á independencia de Catalunya aumenta 7 pontos nos últimos 4 meses

Resposta á represión: o apoio á independencia de Catalunya aumenta 7 pontos nos últimos 4 meses
Manifestación multitudinaria durante a Diada 2017
Manifestación multitudinaria durante a Diada 2017  Foto: Vilaweb

A opción pola independencia pasa de 41,1 por cento do barómetro de xuño ao 48,7, un incremento moi significativo que é imposíbel non asociar á resposta social á escalada represiva desatada polo Estado español por volta do referendo do 1 de outubro. Esta é a principal conclusión que se tira do último inquérito do Centro d'Estudis d'Opinió da Generalitat. O non á independencia tería neste momento 43,6 por cento dos apoios, fortísima queda desde o 49,4 por cento de xuño.


Apenas catro meses separan o barómetro de xuño do de outubro, mais a fotografía que deita o último inquérito do CEO rexista un auténtico terremoto demoscópico. A principios de verán, o non á independencia superaba en máis de 8 pontos ao si (49,4 por cento face 41,1). O xiro foi de cuase 180 graos: 48,7 por cento de apoiarían neste momento un Estado catalán independente -como o proclamado polo Parlament 27 de outubro pasado- face un 43,6 contrarios ao nacimento da república.

 

Entre unha e outra onda sitúanse os acontecimentos de finais de setembro e principios de outubro, coa actuación represiva dos corpos e forzas de seguridade do Estado en procura de inviabilizar o referendo os días previos á consulta e coas cargas policiais contra cidadás indefensas o propio 1-O.


Hai unha correlación directa entre a indignación cidadá perante a represión estatal -moi significativa nas bases independentistas, mais tamén en sectores que non tiñan a fundación da República catalá como prioridade- e o crecimento da opción a prol dun Estado propio para Catalunya.

 

O resultado é moi alentador para as opcións soberanistas -JxSí e CUP- con vistas ás eleccións de 21-D, ao ser o índice máis alto de apoio á independencia desde que o CEO fai inquéritos binarios, isto é, en termos de si ou non.

 

O Estado catalán independente é tamén a opción número un entre as persoas inquiridas cando perguntadas sobre que estrutura política queren para Catalunya. Ten 40,2 por cento (10,8 máis que en xuño), en tanto que o respaldo ao mantimento do actual statu quo -o Principat como comunidade autónoma- só recollería 27,4 por cento dos apoios. A prol dunha solución federal estarían 21,9 por cento das cidadás inqueridas e só 4,6 por cento desexarían para Catalunya o rol dunha rexión nun Estado centralista.

 

Este traballo fíxose entre os días 16 e 29, isto é, após o 1-O. O tramo final do inquérito realizouse a seguir a declaración de independencia e a activación do 155, feitos producidos a sexta feira 27-O.

 

30,4 por cento do eleitorado de Catalunya sí que es Pot apoia a independencia

 

O inquérito radiografía tamén o eleitorado das distintas forzas políticas catalás. As bases de JxSí e ERC están masivamente pola independencia, en tanto que as persoas apoiantes do bloco constitucionalista (PP, PSC e Cs) adiren a vía autonomista, mesmo aquelas que se identifican co partido de MIquel Iceta, embora neste caso unha percentaxe non pequena dos seus aderentes -35 por cento- manifestan preferencia polo federalismo.

 

Canto a Catalunya sí que es Pot, o seu eleitorado é maioritariamente contrario á independencia (55,7 por cento), embora un nada desprezábel 30,4 das súas bases si estarían a prol da República catalá. Na indecisión estarían 13,3 por cento das e dos votantes da confluencia en Catalunya.



x