Sinn Féin demanda un referendo sobre a unidade de Irlanda “tan pronto como sexa posíbel”

Sinn Féin demanda un referendo sobre a unidade de Irlanda “tan pronto como sexa posíbel”

Michelle O’ Neill, líder da formación republicana nos seis condados, lembra que a maioría dos norilandeses votou contra o Brexit.


Mentres o goberno británico intensifica o proceso para levar a cabo o ‘brexit’, algunhas das nacións integradas no Reino Unido comezan a reclamar o seu propio camiño, argumentando que os seus pobos non apoiaron a decisión de marchar da Unión Europea, decisión que si gañou no conxunto do Reino Unido. Escocia xa anunciou esta segunda feira que ía comezar o proceso para que se realice un novo referendo de independencia, consulta que podería ter lugar entre o outono de 2018 e a primavera de 2019.

Ao tempo, desde Irlanda do Norte o Sinn Féin vén de demandar a realización dun  referendo sobre a unidade da illa “tan pronto como sexa posíbel”. Este referendo é unha reivindicación cosubstancial ao propio partido republicano, nado para loitar pola independencia e unificación de Irlanda. Mais agora, co escenario do Brexit, sobre a táboa, o Sinn Féin pide que o pobo irlandés poida ter o dereito de decidir. “Reino Unido sae da Unión Europea contra a vontade maioritaria dos norilandeses”, afirmou Michelle O´Neill, líder da formación nos seis condados da illa baixo soberanía británica. Na consulta do Brexit, un 56% dos norilandeses votou contra o brexit por un 44% que o fixo a favor. O’Neill considera que é necesario que se convoque un referendo sobre a unidade de Irlanda e que este se poida realizar canto antes.

De terceira a segunda forza na República

Por outra parte, e segundo unha enquisa publicada esta fin de semana polo Sunday Times, o Sinn Féin sería a única formación que aumentaría en votos de haber agora eleccións na República de Irlanda. O SF obtería o 23% dos votos e superaría o Fine Gael, pasando ser a segunda forza máis votada, só por detrás do Fianna Fail. 



x