O soberanismo irá ao 21-D sen lista unitaria e procura agora unha oferta programática común

O soberanismo irá ao 21-D sen lista unitaria e procura agora unha oferta programática común
As bases do soberanismo a encheren as rúas de Barcelona na Diada 2017
As bases do soberanismo a encheren as rúas de Barcelona na Diada 2017  Foto: Vilaweb

Non haberá lista unitaria de país que vaia desde a CUP até o PDeCAT. ERC propón como alternativa unha "fronte común programática" desde opcións eleitorais distintas.


Non haberá lista unitaria porque non son sintetizábeis as distintas estratexias dos partidos soberanistas. Nen a CUP nen o PDeCAT manexaron en ningún momento a hipótese de iren xuntos nunha mesma candidatura. ERC tampouco vía desexábel a repetición da fórmula Junts pel Sí, a máis votada nas eleccións de setembro de 2015, e apostaba no seu alargamento ao resto do soberanismo ou mesmo a forzas políticas non independentistas, mais si autodeterministas, como o núcleo de ex Podemos que dirixe Albano Dante Fachín. Non foi posíbel.

 

O primeiro sinal de que non ía haber lista unitaria de país deuno a CUP ao convocar a súa asemblea nacional para este domingo, fóra portanto do prazo para o rexisto de coligazóns de partidos políticos xa constituídos, término que concluía esta mesma terza feira ás 23.59 horas.

 

Por que aposta a CUP? A formación anticapitalista baralla catro cenarios posíbeis, que serán votados polas súas bases o domingo. O primeiro, repetir a fórmula de 2015, isto é, apresentarse como CUP-Crida Constituent. A segunda, a de ir sós como CUP. A terceira, a de non se apresentaren como tal CUP e dar paso a unha candidatura cívica formada por persoas representativas do mundo social mais non referenciais da formación. E a cuarta, impulsar unha fronte de formacións de esquerda. Neste último caso non sería formalmente unha coligazón de partidos pre-existentes, senón unha marca nova á que se adherirían as formacións que apostasen nesta fórmula. Aí poderían estar a CUP, o Procés Constituent, o núcleo de Dante Fachín e, talvez, ERC.

 

ERC, mentres, baralla a hipótese de concorrer en solitario, sen desbotar a incorporación de independentes ou mesmo colectivos (aquí tamén ten opcións o home de moda da política catalá, Dante Fachín). En calquera caso, a formación republicana encabeza con comodidade os inquéritos e ten nas súas filas un dos dirixentes con maior carga simbólica do soberanismo, o vicepresident Oriol Junqueras, encarcerado na compaña de 7 consellers pola xuíz Lamela sob a acusación de ter cometido delitos de rebelión e sedición.

 

Nunha situación ben pior está o PDeCAT, tal e como indican todas as sondaxes. A súa única baza é Carles Puigdemont, o president que, grazas a unha decisión do poder xudicial belga, está en liberdade e podería participar na campaña eleitoral, coa única limitación de que o terá de facer sen abandonar o territorio baixo a xurisdición de Bruxelas.

 

Programa de mínimos común

 

O soberanismo apresentará por tanto diversas opcións ao eleitorado, mais todo indica que oferecerá unha base programática común coa a liberdade dos presos políticos, o levantamento do artigo 155 e a defensa da República catalá como ofertas básicas.



x