Stein pide que a contaxe dos votos en Wisconsin sexa manual para evitar a fraude electrónica

Stein pide que a contaxe dos votos en Wisconsin sexa manual para evitar a fraude electrónica
Jill Stein
Jill Stein  Foto: JillStein.Com

Que os 3 millóns de votos de Wisconsin sexan recontados manualmente e non con máquinas para evitar a manipulación do equipamento informático por hackers. Esa é a demanda de Jill Stein. Dificilmente será atendida.


Continúa a cruzada de Jill Stein, a candidata do partido verde, para a depuración dun proceso eleitoral que ela acha sospeitoso de contaminación nos tres estados -Michigan, Pennsylvania e Wisconsin- que lle deron contra prognóstico a vitoria ao candidato republicano Donald Trump.

A tese de Stein -e de algúns sectores do Partido Demócrata, embora na contorna de Clinton crece a corrente partidaria de non dar cancha ás recontaxes- é que as máquinas electrónicas deses tres estados puideron ser hackeadas desde o exterior, en clara alusión a Rusia.

Non existe consenso técnico a respeito de se unha fraude desta envergadura se podería verificar na práctica, nomeadamente porque as máquinas non están inter-conectadas entre si e tampouco están ligadas á rede de internet.

Non existe consenso técnico a respeito de se unha fraude desta envergadura se podería verificar na práctica

En todo caso, Stein dirixiu unha petición formal á comisión eleitoral de Wisconsin para solicitar que a contaxe dos votos -3 millóns de sufraxios serán submetidos a un novo escrutino, co 13 de decembro como prazo final- se realice de forma manual. É improbábel que a petición sexa satisfeita, entre outras cousas porque a competencia para decidir se os votos se contan man a man ou através de máquinas descansa nos condados e non na autoridade estatal central.

"Hai unha sustancial posibilidade de que a recontaxe manual dos votos vaia producir un resultado máis correcto e vaia mudar o resultado da elección", dixo esta segunda feira Jill Stein.

A campaña da candidata verde recebeu, en todo caso, unha má noticia das autoridades de Wisconsin: a factura do novo escrutinio non ascenderá ao millón de dólares inicialmente previsto, senón que se irá no mínimo á contorna dos 3,5. Stein aínda ten o peto cheo, no crowfunding leva recadados máis de 6 millóns de dólares e a conta continúa aberta. Hanlle de facer falta se logra o propósito de forzar novas recontaxes en Pennsylvania -os últimos indicios non convidan ao optimismo- e Michigan.