O TS pon agora en Marta Rovira e Anna Gabriel o foco da investigación contra o soberanismo

O TS pon agora en Marta Rovira e Anna Gabriel o foco da investigación contra o soberanismo
Marta Rovira, no albo do xuíz do Supremo
Marta Rovira, no albo do xuíz do Supremo  

Non é suficiente con ter Junqueras en prisión e Puigdemont no exilio. O Supremo estende agora a súa investigación contra o soberanismo catalán por ter realizado a DUI. No albo están Marta Rovira -sinalada por Junqueras como hipotética presidenta da Generalitat- e a portavoz da CUP, Anna Gabriel, que desta volta non é candidata.


Fóra Junqueras da contenda eleitoral por unha decisión xudicial francamente discutíbel (o xuíz Llarena concedeu en troca a liberdade condicional eludíbel sob fianza á presidenta do Parlament Carme Forcadell nun caso xémeo ao do presidente de ERC), os aparatos do Estado dan un novo paso na persecución do soberanismo e desta volta o Tribunal Supremo pon o foco en Marta Rovira, a persoa chamada a liderar un hipotético novo goberno independentista.

 

Non estaría soa Marta Rovira, Llarena tamén quer investigar Anna Gabriel, a portavoz da CUP que desta volta non se candidata, en aplicación á coñecida norma da formación anticapitalista de renovación dos seus cargos institucionais en cada un dos procesos eleitorais.

 

Llarena tería ordenado á Garda CIvil que investigase o que coloquialmente se coñece como o estado maior do procés, unha entelequia que designaría un conxunto de persoas e de entidades vinculadas co desenvolvimento das dinámicas sociais e políticas que culminaron o pasado 27 de outubro coa proclamación da independencia de Catalunya por parte do Parlament, unha declaración truncada ese mesmo día polo Goberno de Rajoy ao activar o artigo 155.

 

A investigación parte dun documento chamado Enfocats, localizado pola Garda Civil -un corpo de carácter militar que contra o soberanismo catalán actúa como policía xudicial- na casa do secretario xeral de Economía, Josep María Jove, durante os rexistos masivos levados a termo polas forzas represivas do Estado o pasado 20 de setembro.

 

Ese documento, segundo o maxistrado Llarena, "reflecte a existencia dun grupo de individuos que exerceu unha función definitoria de como e cando levar a termo cada unha das actuacións do procés e, consecuentemente, da violencia e os tumultos".

 

Sobre a base deste documento non só ordena agora Llarena estas investigacións suplementares, senón que tamén basea os cargos de sedición e rebelión que, alén do da malversación, imputa a Junqueras, Puigdemont, Forcadell, o resto dos membros do Govern e da Mesa do Parlament e os Jordis

 

O que tenciona Llarena é que a Garda Civil esclareza agora o grao de participación na estratexia debuxada en Enfocats por parte dos partidos CDC e ERC, as entidades cívicas ANC e Òmnium, ben como a Associació de Municipis per la Independència (AMI). A investigación alcanzará tamén persoas a título persoal, non políticos, isto é, líderes sociais, "influenciadores próximos ao procés".



x