O TC suspende o pleno do Parlament en que se podería declarar a independencia de Catalunya

O TC suspende o pleno do Parlament en que se podería declarar a independencia de Catalunya
Pleno do Parlament
Pleno do Parlament  

O Estado continúa a pisar o acelerador na escalada represiva. Mais unha vez, o Tribunal Constitucional dicta unha resolución contraria ao procés. Desta volta, a suspensión cautelar do pleno do Parlament que se ía realizar a vindeira segunda feira, unha convocatoria do lexislativo catalán en que eventualmente -e segundo anunciou a CUP- se iría producir a Declaración Unilateral de Independencia (DUI). O TC actúa a instancias dun recurso do PSC contra a convocatoria do pleno.


A vindeira segunda feira estaba prevista a realización dun pleno do Parlament en que iría comparecer o president da Generalitat para avaliar os resultados do referendo de autodeterminación realizado o 1-O baixo unha forte represión dos corpos de seguranza estatais (embora as cargas policiais, 2,2 millóns de persoas exerceron o seu direito de voto, 90 por cento das cais decantáronse por apoiaren o si á independencia).

 

Nese pleno podería terse producido a declaración formal de independencia, en aplicación estrita da Lei de Referendo, texto legal tamén suspendido polo TC. A CUP advogaba por que a declaración se producise sen maior demora, en tanto que sectores de Junts pel Sí -a coligazón formada por ERC e o Partit Demòcrata Europeu Català- se inclinaban por estudar fórmulas que na práctica resultasen no aprazamento temporal da proclamación da República catalá.

 

O Estado interrompe o debate en curso no soberanismo -con voces a favor de gañar tempo e vincular a declaración da independencia a un novo proceso eleitoral- cunha suspensión cautelar cuxo quebrantamento, advirte o Tribunal Constitucional, podería levar aparelladas penas de prisión para os membros da Mesa do Parlament no caso de que incorresen en desobediencia.

 

A suspensión do pleno prodúcese ao admitirse a trámite un recurso de amparo formulado polo PSC.

 

 



x