A ÚNICA DÚBIDA, A FÓRMULA DA DECLARACIÓN

Todo indica que Puigdemont proclamará esta terza feira a independencia de Catalunya

Todo indica que Puigdemont proclamará esta terza feira a independencia de Catalunya
Primeira reunión do Govern após o 1-O
Primeira reunión do Govern após o 1-O  

Carles Puigdemont pronunciará esta terza feira no Parlament (18 h) o discurso máis transcendente da historia contemporánea de Catalunya. Todo indica que o president declarará a independencia do país. A dúbida está en cal será a fórmula con que proclamará o nacimento da República catalá. Durante toda a segunda feira, os distintos segmentos do soberanismo -JxSí, a CUP, mais tamén a Assemblea Nacional Catalana e Òmnium Cultural- mantiveron intensas reunións para perfilar os pormenores da declaración.


Nas últimas horas as impresións recollidas en meios próximos ao soberanismo indicaban que o Govern traballa nunha fórmula de Declaración de Independencia que non entraría en vigor de imediato e que abriría un período de transición para negociar co Estado a súa posta en marcha.

 

O que non se contemplaría neste momento é unha marcha atrás ou a paralización do procés. A vontade de todos os actores soberanistas é dar cumprimento á Lei do Referendo, isto é, daren por valido os resultados da consulta de 1-O -2,2 millóns de votantes, 90 por cento a prol da independencia- e, portanto, declarar a fundación da República catalá.

 

Esta mesma segunda feira, o conselleiro de Asuntos Exteriores do Govern, Raül Romeva, daba por feito que Puigdemont declararía a independencia na súa comparencia de hoxe. "Acaso hai alternativa [ao cumprimento da Lei do Referendo]?", perguntouse retoricamente, para a seguir esclarecer que o Parlament decidirá esta terza feira en función "do que a xente ten votado".

 

O certo é que as distintas sensibilidades do soberanismo teñen visións diversas sobre como efectivizar a declaración. Hai acordo sobre o que -a proclamación da República catalá-, non tanto sobre o como. Nese sentido os dous polos do bloco independentista son claramente o Partit Demòcrata Europeu Català e a CUP. 

 

Destarte, unha destacada voz do PDeCAT, o eurodeputado Ramón Tremosa, defendeu esta terza feira a vía eslovena para a proclamación da independencia. Trataríase de declarar a República catalá en función dos resultados do 1-O e, a seguir, suspender o aparecimento formal do novo Estado para lle dar ao Goberno Rajoy unha nova oportunidade de negociar un referendo pactado. Como o máis verosímil é que Madrid se negase a sequera falar desa hipótese, Catalunya veríase aínda máis lexitimada para, esgotada a vía negociadora, declarar a independencia a todos os efeitos.

 

Estaríamos, portanto, perante unha sorte de declaración de independencia diferida, aberta á negociación e á mediación, internacional ou estatal.

 

A CUP defende, en troca, que se aplique a literalidade da lei e que a declaración se faga xa, sen maiores dilacións. Por boca do seu deputado Bernat Salellas a Candidatura D'Unitat Popular defende que "non sería correcto adiar [a declaración] en espera dunha mediación internacional". A CUP invirte os termos: a única forma de forzar a mediación internacional -sen a cal non sería viábel o recoñecimento do novo estado por parte do exterior- é precisamente proclamar xa a República catalá.

 

ERC, menos frecuentadora nos últimos tempos do debate mediático, deixou entrever tamén que non contempla ningunha hipótese distinta á da declaración da independencia. O seu portavoz, Sergi Sabriá, dixo abertamente que, a meio da comparecencia de Puigdemont, o Parlament dará validez aos resultados do 1-O e que, consecuentemente, esta terza feira a República catalá "tomará forma".

 

Concentración soberanista

 

O Parlament non estará só. A mesma hora en que está convocado o pleno de comparecencia de Puidgemont, os colectivos soberanistas Assemblea Nacional Catalana e Òmnium Cultural teñen convocado unha concentración perante o Arco de Triunfo, no paseo de Lluís Companys.


A intención inicial de ANC e OC era convocar a concentración nas inmediacións do Parlament, mais o Govern decidiu, por motivos de seguranza, fechar o acceso ao Parc de la Ciutadella onde se acha a cámara catalá.

 



x