SERMOS EN PEDRÓGÃO GRANDE

Tristeza sen bágoas en medio da catástrofe

Tristeza sen bágoas en medio da catástrofe
Margarida, na casa de Pedro o holandés.
Margarida, na casa de Pedro o holandés.  Foto: E.D.

O lume comezou nalgún punto entre a IC8 a nacional 236 e a estrada que sae desde Pedrógão cara ao norte case á beira do río Zêzere. Margarida, traballadora da Cámara Municipal de Pedrógão ía no coche o sábado pola tarde cando tivo que parar a altura de Vila Facaia, unha aldea perto do cruzamento da autovía coa nacional. Polo fume.


“Non nos viamos uns aos outros. Non sabiamos onde estabamos. Foi un desespero. Toda a xente buscando por onde fuxir, un caos, pensaba que morriamos alí todos. Non se respiraba, foi durante uns vinte minutos. Parados. Logo comezou a aclarar”.

 

Margarida colleu o coche e seguiu cara a Campelo pola mesma estrada, a nacional, na que minutos máis tarde dúas columnas de lume atraparían a máis de corenta persoas nos seus vehículos.

 

“Conseguín chegar e salvar unha parte da casa. Vía os coches das miñas veciñas a arder, as casas delas a arder, i eu tentei salvar a miña casa, sozinha. Morreron todos os animais, non hai unha planta viva. A xente que cultiva, os que tiñan as súas patacas, as cebolas... ficaron sen nada. Sen nada. É un mundo de xente”.

 

Caniçal 1“Eu, que son leiga na materia, diría que foi unha especie de tornado e a situación ficou completamente incontrolábel”. Margarida está nesta segunda feira no centro de coordinación de Pedrógão Grande, a sede dos bombeiros. A poucos metros, nunha rotonda, hai unha escultura que honra os bombeiros, dous homes cunha escada que socorren unha muller nunha casa en chamas. Nesta parte do centro do país, ao sur da Serra da Estrela, entre montañas e barrancos, o lume combátese a pé. Hai miles de voluntarios, en cada concello hai enormes instalacións, garaxes, aparcadoiros, talleres, motobombas e camións cisternas. Ser bombeiro é un orgullo.

 

Pero desta volta os bombeiros non chegaron a tempo. Foi todo moi rápido. As autoridades sitúan a orixe do lume nun raio. “Eu sentín tamén bater um raio”, di Mario, no Lar de Idosos de Pedrógão, onde desde hai dous días conviven uns 150 desprazados cos anciáns residentes. Mario estaba na casa, saíu coa mesma roupa, unha camiseta, uns vaqueiros e as botas de traballo, que leva hoxe. “Saquei o gando, 13 ovellas que foron para o monte, e parei o lume xunto á minha casa, mais a da irmá e a dos pais non puidemos. Fuximos a pé. Un señor ficou queimado nos brazos. Perdemos case tudo. O meu eucaliptal inteiro”.

 

Nesta parte do centro do país, ao sur da Serra da Estrela, entre montañas e barrancos, o lume combátese a pé

 

“Temos unha foresta compacta, moito densa”, explica o doutor Carlos, presidente de dirección dos bombeiros voluntarios de Pedrógão Grande. “Durmí 5 horas desde o sábado, continua o concello a arder, hai focos que se reactivan. Aquí recibimos solicitudes, alarmas, e hai 700 mulleres e homes traballando. O perigo está hoxe na zona norte, estase a vixiar perto das moradas”.

 

IlhavoNa SIC, un experto ofrece os datos: entre 1996 e 2011 Portugal perdeu 1,1 millóns de hectáreas de superficie agraria; delas cen mil foron destinadas á construción e un millón, á explotación forestal, singularmente eucaliptos e piñeiros. Nesta rexión (Coimbra, Leiría, Castelo Branco) as hortas convertéronse en bosques. Mais semella que nin faixas de seguridade arredor das aldeas nin cortalumes nos montes nin limpeza nas vías do tendido eléctrico.

 

Os expertos láianse nas televisións, mentres no centro de coordinación o doutor Carlos segue amarrado ao teléfono. “A min colleume en Ansiao, houbo un foco pequeno e conseguímolo dominar, pero infelizmente non rematamos o traballo porque había dúas casas en perigo e os bombeiros tiveron que protexelas. Levantouse un vento ciclónico, nesa altura non tivemos axuda dos medios aéreos y os nosos homes foron insuficientes porque o incendio tomou unhas proporcións xigantescas. En dez minutos ou un cuarto de hora, o fogo labrou quilómetros, tiña combustíbel”.

 

Nesta rexión (Coimbra, Leiría, Castelo Branco) as hortas convertéronse en bosques

 

Este xa é oficialmente o maior incendio rexistrado na historia de Portugal, o país da UE, que maiores sinistros sofre. Onte, na segunda feira, as autoridades trazaron un primeiro perímetro. 30.000 hectáreas, a maioría concentradas nun radio de dez quilómetros en torno ao cruce da IC8 coa N236. As lapas consumiron unhas mil hectáreas por hora, unha velocidade australiana.

 

Coordinador Alimentos en PedragaoAs referencias hai que buscalas alá, no continente extremo, case todo deserto. O raio, din os expertos, como en Camberra no 2010; a superficie, como en Vitoria no 2009 onde arderan 400.000 hectáreas e morreran 172 persoas.

 

“Estou aquí hai trinta anos e nunca vin un lume camiñar tan rápido”, confesa o doutor Carlos. “Foi do norte cara o este, o concello ardeu todo, nas aldeas todas houbo algunha casa afectada, e inda quedaran cadáveres porque inda non chegamos a moitos sitios”. A segunda feira péchase cun balanzo de 64 mortos e 157 feridos. E un debate aberto nos medios públicos e privados. Que pasou? Como é posíbel que o sistema de comunicación de emerxencias, moi caro, fallara? Serve para algo un sistema no que Garda Nacional vixía, o ICN (medio ambiente) fai a prevención e Protección Civil o combate? Por que os bombeiros fan parte de Protección Civil pero non levan o comando das operacións de extinción? Faltan medios aéreos.

 

No Lar dos Idosos non se fan esas preguntas. Non precisan esas respostas, explica Afonso, psicólogo de emerxencias mariñas que nunca vivira unha experiencia coma esta, “tanta xente desprazada, sen nada, tantos mortos”. Por agora non precisan ningunha resposta. Mario, 34 anos, o eucaliptal queimado, nin pide roupa limpa. Vai dun lado para outro do patio do Lar. Outros fican sentados. Un avó coa neta, o home ten os ombreiros baixos, os ollos baixos no chan. “Non temos nada que dicir”. Só están tristes. Sen bágoas.

 

As lapas consumiron unhas mil hectáreas por hora, unha velocidade australiana

 

Tamén, cos ollos tristes, conta José o que pasaron o sábado en Salavorda Velha, unha aldea nun alto, máis alá de Mosteiro, até onde Margarida e dous compañeiros levan comida e auga aos veciños, a Júlia que está soa e ten a metade do patio queimado, as plantas xunto a porta, e só colle auga e pan. A estrada, unha pista forestal asfaltada, está chea de ramas caídas, piñas, pedras, cables do tendido eléctrico. José apáñase cun transformador que subiu nunha furgoneta. “Eran bolas de fogo, a cen quilómetros a hora, moi veloces... Fiquei na casa, a defendela, teño un furado preparado con auga, faltaba a luz para traer a auga da rede... Nesa altura un xa non ten medo, a xente amárrase ao que hai e ao que teña que vir”.

 

Coordinador Bombeiros PedragaoEn Salavorda Velha, nun cabo da aldea, estaba a casa de Pedro o holandés, que levaba vinte anos alí. “Explotoulle o patio”, conta Vítor, un veciño que non subira até hoxe. Pedro marchou. Os muros do patio caeron, Margarida entra a chamar pola xente. Van de aldea en aldea preguntando que fai falta e quen falta.

 

O domingo comezaron a chegar os avións, de España, de Francia.

 

Dúas piscinas e un río

 

Desde a piscina do Hotel da Montanha, en Pedrógão Pequeno sobre o encoro de Cabril que corta o río Zêzere, poderíase facer a crónica da tarde de onte no maior incendio forestal da historia de Portugal se non fose porque o lume tirou coas torres que dan conexión a Internet e tampouco hai teléfono.

 

Reparto de comida con Margarida e Carlos TitoNo miradoiro do hotel as televisións, moitas españolas, improvisan un set para as cámaras, que recollen unha vista de norte a este con dez ou doce columnas de fume ben visíbeis. Arde negro en Pedrógão Grande, arde branco na Peneira e en Pedrão, cara o norte. Os catro hidroavións que mandou o Magrama e catro avionetas francesas collen auga do Zêzere e van e veñen dun lume a outro. Son as tres da tarde e non hai vento (o fume sobe dereito) mais a temperatura volve ser alta. Ás nove da noite, cun neboeiro cubrindo as montañas e o encoro, e a mesma calor, un dos avións segue traballando.

 

Os avións xa non se escoitan un pouco máis arriba do encoro, onde o Zêzere recolle as augas do Unhais. Na estrada de Pedrógão a Alvares, cara á serra do norte, hai centos de voluntarias e voluntarios repartidos en cada cruce. Uns descansan á espera de dar o relevo aos que traballan pista arriba, outros vixían pequenos núcleos de poboación rodeados de fumeiras. En Louriceira, decenas de chalés, hai un retén de bombeiros que veu de Lisboa. Levan 27 horas defendendo as casas. Case cada quilómetro hai un retén. En Venda da Gaita, nunha ponte, están bombeiros de Pombal. Do lado dereito hai unhas casas no fondo, cun indicador que sinala unha praia que non se ve nun río que tampouco se ve, mais que vai dar ao Zêzere. Os bombeiros coidan delas. “Estamos afastados do mundo. Non vai Internet e non sabemos da conta das vítimas. Polo walki comentan que hoxe morreu o bombeiro ferido”.

 

“Eran bolas de fogo, a cen quilómetros a hora, moi veloces..."

 

En Portela do Torgal hai xente cargando madeira nun camión. A industria da zona. Aquí, contan dous mozas veciñas e os veciños espertaron o sábado ás tres da mañá e puxéronse a parar o lume. Eles sós. En Ameneira a liña entre as casas brancas e o monte negro chega até os mesmos muros. Máis arriba en Caniçal, arderon todas as casas menos a máis grande, unha con piscina, hoxe rodeada de cinzas. O lume baixou da serra, desde Cabeçadas, en Góis, e xuntouse co que viña correndo desde Pedrógão. Chegando ao Alto da Serra, ao cruzamento da N112, Pessegueiro é un oasis branco alá abaixo entre corgas negras e os troncos espidos das árbores.

 

Por ver se Pedrão ardera, os mozos soben cara alí. Na estrada hai unha fila de camións de bombeiros e homes a pé, esperando destino. Acaban de chegar de Ílhavo, perto de Aveiro. Os mozos sinalan o Zêzere, magnífico. E todo arredor monte queimado. “Isto ardeu onte pola noite, do domingo para hoxe”, din os rapaces. Os de Ívanho e doutros sitios pintados nos camións e camionetas, comezan a recibir instrucións. Deixan un retén do Exército, ou un camión de militares avariado, quen sabe, e marchan cara a Castanheira de Péra.

 

Ana reúne a súa xente en AlvaresEn Alvares, Ana, comandante dos bombeiros de Aveiro, reúne a tropa. “Vivín o mesmo o ano pasado alá, na miña casa, sen mortos. Estamos aquí unhas sesenta persoas combatendo o lume que comezou en Góis. É unha situación moi desesperante e triste, mais nos traballamos sempre coa mesma forza, somos voluntarias, aliás traballamos coma profesionais. O clima é cada ano máis adverso e as especies vexetais fan que os incendios sexan máis violentos, moi difíciles de apagar”.

 

Na terza feira os avións comezan a traballar ás oito da mañá. Primeiro no sur, no concello de Sertã, onde cruzou o lume á marxe esquerda do Zêzere. Despois de volta a Alvares e Pampilhosa da Serra.

 

O día 1 de xullo comeza a época de máxima alerta de lumes en Portugal. Una comisión do Goberno vai investigar a reportaxe dunha xornalista que pasou sen permiso a estrada dos mortos para ensinar un dos cadáveres. Con medios aéreos prestados e bombeiros, milleiros, que non dan para garantir a seguridade dunha poboación dispersa, na televisión continúan os debates. Os lumes mudaron, como sucede en Galiza, máis o xeito de combatelos e os medios non.

 

Nota: As fotos inseridas no meio do texto, todas da autoría de E.D., son (1). Caniçal; (2). Bombeiros em Ilhavo; (3). Coordinador de alimentos en Pedrógão; (4). Coordinador de bombeiros en Pedrógão; (5). Reparto de comida con Margarida e Carlos Tito; (6) Ana reúne a súa xente en Alvares.

 



x