Trump contraataca e afirma que Hillary obtivo máis de dous millóns de votos fraudulentos

Trump contraataca e afirma que Hillary obtivo máis de dous millóns de votos fraudulentos
Trump
Trump  

O Partido Demócrata respalda finalmente a recontaxe de votos en Wisconsin, activada pola candidata verde, Jill Stein. As acusacións de fraude voan en todas as direccións e Trump di agora que millóns de cidadáns sen direito de voto participaron nas eleccións en apoio de Clinton e que, portanto, el tamén tería gañado en voto popular.


O 19 de decembro reúnese o colexio eleitoral que nomea formalmente a presidencia dos EUA e aquí os números son contundentes: escrutado xa o 100 por 100 de Michigan, Trump tería 306 votos e Clinton, 232. A maioría absoluta que dá acceso á Casa Branca está fixada en 270 asentos nesa asemblea. A distancia parece insalvábel para Clinton, agás que non só se recontasen os votos de Wisconsin, mais tamén os de Michigan e Pennsylvania (neste último caso é onde a diferenza, por volta de 70 mil votos, é maior a prol do republicano).

En todo caso, o movimento da campaña de Clinton de aderir a iniciativa de Jill Stein -que continúa a recadar diñeiro para forzar tamén un novo escrutinio en Michigan e Pennsylvania- provocou a saída en tromba, no twitter, do presidente eleito. Non só, e cumprindo o guión, descualificou a recontaxe de votos, senón que foi alén diso ao se proclamar como gañador das eleccións tamén por voto popular (cando os resultados oficiais o colocan 2,2 millóns de votos por detrás de Clinton no conxunto do país). "Alén de gañar o Colexio Eleitoral no seu conxunto, gañei tamén o voto popular se deducimos os millóns de persoas que votaron ilegalmente", dixo.

Trump guindou a pedra, mais non achegou nen unha soa proba que confirme este gravísimo cargo de fraude contra o sistema eleitoral do seu país. Durante a campaña, si deslizou que se estaba a producir unha masiva inscrición fraudulenta, no censo de eleitoras e eleitores do Partido Demócrata, de persoas (basicamente imigrantes) sen direito ao sufraxio.

Trump guindou a pedra, mais non achegou nen unha soa proba que confirme este gravísimo cargo de fraude contra o sistema eleitoral do seu país

Polo lado da oposición á formación republicana, as alegacións de expertos aliñados no campo do Partido Verde, e tamén dos demócratas, terían a ver coa suposta manipulación informática das máquinas de voto electrónico nos swing states -estados indecisos- que deron o triunfo a Trump, isto é, na tríada Wisconsin-Michigan-Pennsylvania. Algúns expertos informáticos próximos a verdes e demócratas apontan directamente Moscova como responsábel do hackeo dos equipamentos dixitais e, portanto, como responsábel da fraude.

O problema para Clinton é que neste asunto o aínda inquilino da Casa Branca, Barack Obama, non dá crédito a esta teoría, como espella un comunicado oficial en que se afirma que os resultados do 8N "reflicten adecuadamente a vontade do pobo norteamericano".

O problema para Clinton é que neste asunto o aínda inquilino da Casa Branca, Barack Obama, non dá crédito á teoría do hackeo dos sistemas eleitorais informáticos

En todo caso, todos os ollos están postos agora na recontaxe de votos en Wisconsin. Máis de tres millóns de papeletas serán agora novamente escrutadas, e de forma manual, nun lento proceso que ten como prazo máximo de conclusión o 13 de decembro, seis días antes de que se reúna o colexio eleitoral.

En Wisconsin Trump alzouse co triunfo por un total de 27.257 votos.

A dúbida está en se a campaña de Stein conseguirá tamén activar un proceso similar en Michigan e Pennsylvania. A xulgar por como vai a recadación de fondos -fontes do Partido Verde afirman que levan obtido achegas de máis de 100.000 doadores a título particular-, todo indica que así será.