Trump: "Non nos imos meter en Siria"

Trump: "Non nos imos meter en Siria"
Trump
Trump  

O presidente dos EUA cancela o debate no seo da súa administración. O ataque a base militar de Shayrat non terá polo de agora continuidade. Nunha entrevista na Fox, o magnate afirmou: "Non nos imos meter en Siria". Porén, o secretario de Estado, Rex Tillerson, deixou esta frase antes de viaxar a Moscova: "É claro para todos nós que o reino da familia al Assad está a chegar á súa fin".


Moito barullo nas declaracións de portavoces oficiais da Casa Branca en relación á política norteamericana sobre Siria, após os EUA ter lanzado o primeiro ataque ás forzas de al Assad desde que estourase o conflito no país árabe en 2011.

A idea central sobre esta cuestión coa que Trump concorreu ás eleccións é que Rusia -e, por tanto, al Assad- debía ser considerada como aliada no combate ao Daesh en Siria. Implicitamente, o agora presidente consideraba a permanencia de al Assad no poder como un dado incontornábel da realidade

Menos de tres meses despois de xurar o cargo, a política de Trump sobre Siria experimentou unha brusca viraxe, intensificando a presión sobre Moscova para Putin rachar a súa alianza con al-Assad. O suposto ataque con armas químicas do 4 de abril serviu como pretexto para a primeira agresión norteamericana a unha base militar siria. Non se ten realizado ningunha investigación independente que certificase o uso do armamento tóxico por parte de Damasco.

Apartir da acción contra a base de Shayrat, abriuse un debate un tanto caótico no seo da administración Trump sobre que facer, con dúas posicións básicas sobre o taboleiro, a de desencadear unha ofensiva que depuxese al Assad ou a de cesar momentaneamente no uso dos tomahawk e premer en Putin para este se afastar de Damasco.

Esta é a última vía pola que se acaba de decantar Trump, pondo fin polo de agora ao debate no seo do seu propio goberno. O presidente dos EUA chama "animal" a al-Assad e afirma que Putin está a apoiar a unha persoa "verdadeiramente malvada"

"Non nos imos meter en Siria. Mais cando vexo xente usando as horríbeis armas químicas que se comprometeron a non usar durante a Administración Obama... O que eu fixen [o ataque] debía ter sido feito baixo a Administración Obama moito tempo antes de eu o facer. Penso que Siria estaría agora moito mellor se se tivese feito", dixo.

Esta declaración contradí todas as que Trump proferiu durante o tempo en que Obama ocupaba o despacho oval, sempre contrarias aos tambores de guerra en Siria.

Mentres tanto, Vladimir Putin insiste en que unha equipa independente e neutral de Nacións Unidas investigue sobre o terreno o suposto ataque con armas químicas.

Moscova non outorga ningunha credibilidade á hipótese que atribúe a responsabilidade ao Exército sirio e enfatiza que o arsenal químico foi posto fóra de xogo en 2013 baixo a supervisión de Nacións Unidas.

"Das 12 instalacións usadas para armacenar e producir armas químicas, 10 foron destruídas, como foi confirmado pola Organización para a Prohibición de Armas Químicas (OPCW nas súas siglas en inglés). O goberno sirio non ten acceso ás 2 instalacións restantes, ao estaren localizadas en territorio controlado pola oposición", dixo aos meios o chefe do staff militar ruso en Siria, o coronel xeneral Sergey Rudskoy.
 



x