CRÓNICA/SERMOS EN CATALUNYA (V)

Unha de Hitchcock

Unha de Hitchcock

Non é das súas películas máis coñecidas nin recoñecidas, pero si conseguiu instalar na cotidianeidade tanto un tipo de chaqueta como un síndrome psicolóxico: o síndrome de Rebecca. A patoloxía, realmente, ten a ver cos ciúmes, o que obviamente non é o caso, tratándose de Puigdemont. A adaptación da película á campaña do PdeCat vén da súa constante e até inquietante presenza no relato electoral malia o seu exilio en Bruxelas.


Rebecca, o personaxe da novela escrita por Daphne du Maurier, que o director británico levou ao cinema, ten a capacidade de se converter en protagonista e de atormentar o resto do reparto sen apenas saír nin unha vez en plano; só o fai de forma rotunda, de feito, a través dun retrato. Eran os anos 40, hoxe cecais a fórmula tería sido o holograma ou os planos vía Skype ou teleconferencia polos que teñen optado os responsábeis da campaña do último presidente da Generalitat elixido lexitimamente polos cidadáns.

 

Puigdemont é e está. Molesta, mesmo. Se os partidos constitucionalistas fixeron mofa de cómo ían ser quen de facer campaña os “contrarios” e se confiaron en que cos dous principais rivais “fóra de xogo” ían telo máis doado, non puideron estar máis errados. Os grandes gurús da comunicación política terán que estudar, sen dúbida, o caso desta campaña como exemplo dunha xestión case inédita cuxo resultado podía saír moi ben ou moi mal. E está a saír moi ben. A percepción, no mínimo, conseguírona, a de que hai un partido que se presenta, con opción de volver gañar, cunha axenda centrada e organizada de actos diversos en contidos e territorializados, candidatos e candidatas solventes e escenografía presidenciábel. Non excesivamente amábel, soberbia tampouco sería a palabra, nin ofensiva. Cecais cun punto de excesiva seguridade que pode chegar a irritar, mais que de seguro é un efecto que tamén está medido.

 

IMG-20171215-WA0006Como na película, a súa “non presenza” atormenta, porque é visto e fala en toda a parte. Retruca o contrincante. Pasea lacónico, pero esperanzado en paisaxes de outono europeas. Camiñas e, a nada que alces a vista polas rúas de Barcelona, a súa figura acompáñate, e el si que semella que te susurra: Ja som aquí. E culmina o feche de cada mitin cun primeiro plano que o converte na figura case dun Mesías polo que todas as/os presentes están agardando.

 

Manexou os tempos, tanto para a estratexia máis política e xudicial como para a electoral, así como para a concesión de entrevistas, e agora está a xogar cun suposto regreso para estar xunto aos seus, xunto ao seu país, no feche de campaña, aínda que facelo sexa un auténtico “xesto de heroicidade” pola súa parte, que xa ten en vilo á policía tanto de España como das distintas fronteiras polas que podería entrar no Estado.

 

Andaremos e veremos, pero, tecnicamente, o PdeCat xa gañou. É certo que se a eficacia da comunicación non se efectiviza en votos, nun bo resultado, estaríamos ante o indicio de que algo fallou, pero ese algo non ten por que estar necesariamente vencellado á estratexia do Dircom.

 

Até os caganets levan agotados dende moito antes do día grande da Fira de Santa LLucía. E inclusive o marrón do 3 por cento, é Junqueras e non Puigdemont quen ten que comelo nalgunha cartelería na que, case sempre, o president ocupa un espazo superior.

 

Din os gurús que os calvos, os gordos e os baixos apenas teñen posibilidades de ser bos candidatos. A historia dá a razón en parte, pero tamén hai excepcións, sobre todo no caso de persoas coa físico do candidato de ERC, pola tenrura e bonhomía que despertan, ao que hai que sumar as condicións excepcionais polas que está pasando, que lle outorgan un papel de vítima, sen el explotalo, que normalmente provoca máis empatía que o mesianismo.

 

Non está a gozar da sobrerepresentación do candidato de PDeCat e, cecais, nalgún momento iso puido provocar algún problema na comunicación de ERC, alentado polos todólogos e algún adversario que tentou abrir unha fenda por aí. Quén é o seu candidato? escoitouse en máis dunha ocasión contra o partido con máis perspectivas de poder gobernar.

 

IMG-20171215-WA0008Recoñece un dos voceiros da formación que no comezo estiveron frouxos, fríos; visto dende fóra o adxectivo máis acaído semella paralizados. As circunstancias tampouco puñan fácil sacar partido a un lema, sen embargo, dos que tamén se estudarán nas universidades: La democracia sempre guanya e a unhas postas en escea serenas e positivas (cartelería, intervencións nos meios etc). A maiores, o arranque cadrou co cara a cara do que xa tanto se ten falado nestas crónicas co que se tentou deslixitimar Marta Rovira como segunda de Junqueras.

 

 

Mais pouco a pouco, atopado o ponto exacto co que visibilizar, dalgún xeito, a presenza e papel de Oriol, e superado o factor emocional de se enfrontar a unha campaña nestas circunstancias, coa incógnita engadida de que pasará o día 22, foron in crescendo e situándose como a única forza capaz de transmitir mensaxes afirmativas. Un repaso polo vocabulario das distintas formacións e só en ERC predomina o ton afábel, conciliador e críbel, baseado en conceptos como construción, transformar, loitar, “facer República e democracia en positivo, que non é falar de bandeiras senón de igualdade e da soberanía da xente e dos seus dereitos sociais”.

 

Conceptos como “nobreza” e “honestidade” no rexistro axeitado, é dicir, alonxado da impostura, e cun sorriso e interacción co público fai que a mensaxe empatice, que a campaña emocione e, ao cabo, cómpre lembrar que as campañas e os votos son fundamentalmente emocionais, algo que ante o 21D se bota en falta.

 

 

Un repaso polo vocabulario das distintas formacións e só en ERC predomina o ton afábel, conciliador e críbel,

 

 

IMG-20171215-WA0007Non se trata de facer leña da árbore caída, mais Irene Montero fixo un “Marta Rovira” hai tan só uns días, afirmando que as pezas do Museo de Lleida debían estar en Aragón. Obviamente, non pasou res, pero é sintomático do papel que está a xogar Podemos nestas eleccións, ás que aínda non lle pillaron o ton ou definitivamente o perderon dende o seu plantexamento inicial, sen interese ou tempo de rectificar. Un “enemigo variábel” segundo o día, retomar a pantasma de Aznar, a escasa presenza de Pablo Iglesias, o cansanzo de Xavi Domènech e as improvisadas contraprogramacións aos actos nos que participa Albano Dante Fachin, logo de terlle cedido espazos froito, probablemente, dunha axenda mal planificada, agoiran un tirón de orellas aos seus estrategas. Un tirón de orellas que non é menor no caso do PSC, vivindo de lemas e soflamas do pasado máis “catalanista” da organización e recuperando a Z de Zapatero, desta volta engadíndolle, obviamente, un I.

 

Sobre Ciudadanos, convidaría a visitar a carpa galáctica laranxa que teñen instalada na Praza da Universidade e concluiría que é como unha metáfora da estratexia que están a empregar: plástico e artificiosidade, o que non é sinónimo de ser unha mala campaña, ollo. Canto ao PP e Albiol… pois qué máis ten, a lei do mínimo esforzo, xa lles veu todo feito, o seu reino non é deste mundo, o seu lema, de feito, xa o deixa claro: España es la solución.

 

 

Imaxes:

 

1.-Mitin do PDeCAT, con Puigdemont proxectado en pantalla xigante. [Foto: PDeCAT]

 

2.-Titular da entrevista do Ara a Puigdemont.

 

3.-Cartaces de Garcí Albiol e Oriol Junqueras [Foto: R.R.]

 

4.-O cartaz de Iceta nunha marquesina [Foto: R.R.]

 

 

 

 



x