ENTREVISTAMOS RAMÓN GROSFOGUEL

“A única saída para os pobos é a da soberanía, a da ruptura coa UE e o euro”

“A única saída para os pobos é a da soberanía, a da ruptura coa UE e o euro”
[Imaxe: Erik Dobaño] Ramón Grosfoguel
[Imaxe: Erik Dobaño] Ramón Grosfoguel  

Ramón Grosfoguel é un sociólogo portorriqueño que exerce de profesor asociado na Universidade de California en Berkeley. Mais, sobre todo, é unha das voces de maior relevo internacional na análise do fenómeno colonial e neocolonial cunha perspectiva netamente antiimperialista. Conversamos con el, analizando a situación de Galiza, abordando o procés independentista en Catalunya e reparando na necesidade dunha segunda independencia descolonizadora para América Latina. Eis un extracto da entrevista publicada no Sermos en papel.


3É posíbel que a actual UE se converta nunha "Europa dos pobos" a través da reforma, ou só será posíbel na vía da ruptura?

Ese é o proxecto de Varoufakis e dalgunha xente da esquerda europea, incluído Podemos ou Esquerda Unida, que apostan en reformar Europa. Eu creo que Europa non é reformábel, porque os intereses capitalistas –que son os que constrúen a UE– son os mesmos que puxeron as trabas para impedir que sexa reformábel. Por unha banda, impóñense políticas contra a vontade dos pobos, e por outra, cando tencionan reformalas hai toda unha serie de mecanismos que o impiden. Por exemplo, para ti tratar de modificar moitas cousas precisas do consenso dos Estados, e iso faino imposíbel. Iso significa que a escala europea a correlación de forzas tiña que ser favorábel á esquerda e todo o mundo tería de coincidir nunha orientación diferente á lóxica imperialista e eurocéntrica que hoxe é dominante na UE. E a chamada esquerda radical parece que só procura substituír a vella socialdemocracia [sistémica], e iso fai moi difícil a reforma. Eu non vexo como dentro da UE, tal e como existe hoxe, sexa posíbel unha reforma. O que vexo é que a única saída para os pobos é a da soberanía, a da ruptura coa UE e o euro, volver tomar o control sobre as moedas e as súas decisións e desde aí poder construír, se for posíbel, un confederalismo a escala europea, pero sempre desde a soberanía e a independencia primeiro. O que ocorre é que, dadas as propias estruturas da economía política, non é doado romper coa UE, polo seu carácter colonial e imperialista.

 

Como valora o proceso independentista na Catalunya?

Cando te propós un proxecto de independencia tes que ter un plan B claro de cara a onde vas. E nese sentido coido que esa alternativa non existía e o procés rematou onde rematou, e malia que a loita vai continuar, temos unha primeira derrota política que foi o non recoñecemento do referendo do 1 de outubro e o encarceramento de persoas. A resposta represiva por parte do Estado español foi brutal e diante desa realidade ten que haber un proceso constituínte desde os nacionalismos periféricos para avanzar cara á soberanía. Se Catalunya fica illada, sen apoio nin recoñecemento internacional, e sen movementos fortes de solidariedade no resto de pobos, vai ser moi difícil para unha soa nación desenvolver unha ruptura democrática cara á soberanía.

 

[Podes ler a entrevista íntegra no número 274 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques habituais]



x