Cristina Borbón non irá á cadea, Urdangarín, condenado a seis anos de prisión

Cristina Borbón non irá á cadea, Urdangarín, condenado a seis anos de prisión
Cristina e Juan Carlos Borbón, con Iñaki Urdangarín
Cristina e Juan Carlos Borbón, con Iñaki Urdangarín  

A Audiencia Provincial de Palma impón a Cristina Borbón unha multa de 265.000 euros e condena Iñaki Urdangarín a seis anos e tres meses de prisión. A irmá do chefe do Estado español nen sequera fora acusada pola Fiscalía -que pedía até 19,5 anos para Urdangarín-, senón por Manos Limpias.


A sentenza, adoptada por unanimidade polas súas tres ponentes, condena Urdangarín pola comisión de múltipes delitos: prevaricación, malversación, fraude, tráfico de influencia e dous delitos contra a Facenda Pública. Impóñenlle unha multa de 512.000 euros.

Urdangarín deberá ingresar en prisión ao serlle imposta unha pena superior aos dous anos de cadea, convencionalmente considerado a condena mínima a partir do cal é preceptiva a entrada nun centro penitenciario. Neste momento Urdangarín reside en Xenebra.

O socio de Urdangarín Diego Torres foi condenado a 8 anos e 6 meses e ao pagamento dunha multa por un valor de 1,7 millóns de euros.

Cristina Borbón é absolvida na sentenza dos dous delitos polos que fora procesada -contra a Facenda Pública e por defraudar o fisco en 2007 e 2008. Mais a Audiencia imponlle unha multa por participar a título lucrativo na trama.

Unha fraude de 6 millóns de euros públicos

Entre 2004 e 2006, a trama pilotada por Iñaki Urdangarín, obtivo 6 millóns de euros en concursos públicos concedidos a dedo por obra e graza da súa vinculación coa Casa Real.

Ese diñeiro foi parar a unha entidade de aparencia filantrópica, o Instituto Nóos, mais que na práctica se acabou convertendo nun buraco negro no que desapareceron inxentes cantidades de diñeiro público. O sarillo tecido por Urdangarín e o seu socio Diego Torres facturou servizos ficticios (remunerados mais non realizados) a través dun conglomerado de sociedades controladas por eles, e tamén a través de Aizoo, unha empresa propriedade de Urdangarín, mais tamén da súa esposa.

Os gaños obtidos desta maneira fraudulenta tampouco tributaron no Estado español. Fixérono en paraísos fiscais -Luxemburgo e Panamá- através dunha rede con sede en Londres e Belice.

O caso Nóos encartou un total de 18 persoas, para as cais as distintas acusacións apresentaron cargos que comportaban, conxuntamente, penas de prisión de máis de cen anos.

A sentenza impón penas moi por debaixo da petición da Fiscalía

Non é unha má sentenza para os encartados, aos que se condena a penas moi por debaixo da petición da Fiscalía (a Urdangarín o ministerio público pedíalle 19,5 anos de cadea e Manos Limpias, 26,5).

A esposa de Diego Torres, Ana María Teijeiro, imputada en condicións semellantes a Cristina Borbón, foi tamén absolvida.



x