Venezuela pon rumo a unha nova Constitución

Venezuela pon rumo a unha nova Constitución
Foto de familia da ANC, coa presidenta Delcy Rodríguez no centro. Imaxe: AVN.
Foto de familia da ANC, coa presidenta Delcy Rodríguez no centro. Imaxe: AVN.  

A Asemblea Nacional Constituínte instalouse oficialmente e este sábado inicia os seus traballos. 


Malia o boicot da dereita opositora e a crecente ofensiva internacional contra a República Bolivariana de Venezuela, esta sexta feira instalouse oficialmente a Asemblea Nacional Constituínte (ANC), elixida nas eleccións do pasado 30 de xullo. Conformada por 545 deputadas e deputados, ten a encomenda de elaborar unha proposta de reforma constitucional coa que o chavismo procura blindar as conquistas da revolución bolivariana, iniciada en 1998 coa chegada á presidencia do país de Hugo Chávez. A reforma será sometida a referendo popular para a súa ratificación.

 

A reforma constitucional que propoña a ANC terá de ser ratificada en referendo popular

A posta en marcha da Asemblea con plenos poderes, de acordo co recollido na vixente Constitución aprobada en 1999, tivo unha forte carga simbólica. A sesión, na que non estivo presente o presidente Nicolás Maduro, iniciouse co retorno dos dous retratos de Hugo Chávez e Simón Bolívar que presidían a Asemblea Nacional [Parlamento] até a vitoria da dereita nas eleccións lexislativas de 2015 nas que atinxiu a maioría na cámara. O xesto era máis que liturxia, precisamente por se instalar a ANC no mesmo edificio, o Palacio Federal, no que sesiona a Asembela Nacional, en desacato segundo o Tribunal Supremo de Xustiza. Ambas as dúas cámaras cohabitarán até o referendo constitucional. O chavismo exhibiu músculo após o éxito de atinxiren o 41% de participación nas eleccións á ANC nas que a Mesa de Unidade Democrática (MUD), que aglutina as forzas opositoras, declinou participar e chamou a descoñecer, mesmo coa convocatoria dun simulacro de plebiscito.  “A Asemblea Nacional Constituínte está instalada. Temos Constituínte para garantir o futuro. A ANC vai ser á patria como a Garda Nacional á paz”, valorou o presidente, Nicolás Maduro.

VÍDEO DO ACTO DE INSTALACIÓN DA ANC

 

Presidenta

 

A primeira decisión da ANC foi a elección da súa presidencia e da mesa directiva. A ex ministra de Asuntos  Exteriores, e unha das figuras chave no executivo de Maduro, Delcy Rodríguez, foi escollida presidenta da ANC. Un posto, que dados os poderes especiais da Asemblea, confírelle constitucionalmente maior rango e autoridade que o propio Presidente da República. A Constitución vixente estabelece no seu artigo 349 que “os poderes constituídos non poderán en forma algunha impediren as decisións da Asemblea Nacional Constituínte”. Unha limitación que non só atinxe ao executivo, senón tamén ao poder xudicial e ao lexislativo, polo que a Asemblea Nacional elixida en 2015, e de maioría opositora, non poderá obxectar nin intervir no novo proceso constituínte. Aristóbulo Istúriz e Isaís Rodríguez foron escollidos como primeiro e segundo vicepresidente respeitivamente. 

 

Delcy Rodríguez estreouse como presidenta da ANC reivindicando a plena soberanía nacional de Venezuela

A designación de Rodríguez á fronte da ANC é resultado da aposta do presidente Nicolás Maduro nunha das figuras chave do seu goberno. Rodríguez, exerceu como ministra de Asuntos Exteriores desde 2014 (con anterioridade asumira a carteira de Comunicación) . Un cargo de grande relevo no executivo que cobrou unha inda maior importancia ao ser designada como interlocutora gobernamental no proceso de diálogo impulsado por Maduro baixo o arbitirio da Unasur, no que participou o ex presidente español José Luís Rodríguez Zapatero.  Na súa etapa como chanceler, Rodríguez conciliou a firmeza nas posicións cunha acreditada capacidade de interlocución coa oposición. Ela e o seu irmán, o vicepresidente Jorge Rodríguez, foron encomendados por Maduro para facilitar o diálogo coa MUD, e con tal fin mantiveron varios encontros con dirixentes opositores como Leopoldo López.  Desta maneira, promocionándoa ao cargo de maior rango do país, Maduro visa a súa disposición por resolver a crise política e institucional de maneira dialogada. 

 

Na súa primeira intervención diante da ANC, a presidenta reivindicou a soberanía nacional de Venezuela e dirixiu unha advertencia clara fronte a ofensiva diplomática, promovida polos EUA e a UE, en contra do proceso constituínte.  “Á comunidade internacional: non se equivoquen con Venezuela. A mensaxe está clara, moi clara: os venezuelanos resolveremos o noso conflito, a nosa crise, sen ningún tipo de interferencia estranxeira, sen ningún tipo de mandato imperial”, proclamou. 

 


Proceso

 

Coa posta en marcha da ANC, Venezuela pon rumo a unha nova Constitución. O proceso non será doado, a pesar de que na asemblea non haxa ningún representante opositor. A intención do chavismo é que a reforma constitucional se axuste ao máximo á folla de rota sob a que se desenvolveu o proceso constituínte de 1999. Nese sentido, o regulamento que rexirá o seu funcionamento e no que podería fixarse o período máximo no que sesionará, podería reproducir os mesmos termos que o de hai dezaoito anos. Daquela a ANC dispuxera de seis meses para elaborar a vixente Carta Magna. 

 

En 1999 o proceso constituínte durou seis meses.

Cando o presidente Maduro, facendo uso das súas atribucións constitucionais decidiu convocar a ANC, expresou que a mesma respondía a noveobxectivos básicos. En primeiro lugar, mellorar os procesos de participación previstos na actual constitución para estimular o diálogo e favorecer a recuperación da paz. Por outra parte, o novo texto constitucional debe dar resposta aos reptos dunha economía non dependente do monocultivo do petróleo, que é causa da crise que atravesa o país por por da queda do prezo do crú. Ademais o chavismo defenderá blindar constitucionalmente as chamadas “misións”, os programas sociais implementados pola revolución bolivariana e que permitiron reducir substancialmente a pobreza e a desigualdade. O reforzamento do sistema xudicial e da seguranza interna, novos medios de participación popular e a constitucionalización do poder comunal, a defensa da soberanía nacional fronte as ameazas externas, favorecer unha nova identidade cultural diversa e de integración, garantir os dereitos da mocidade e defender o dereito a vida, son os restantes obxectivos que guiarán a redacción da nova Carta Magna, a partir do texto de 1999. 

 

“Debe constituírse o Estado para liberar a nación de toda dominación, opresión, explotación estranxeira e da burguesía nacional”. Así resumía o deputado Fernando Soto Rojas, a misión da ANC durante o seu acto solemne de instalación. Pola súa banda, Delcy Rodríguez defendía nunha entrevista concedida a semana pasada a AFP que “a Constituínte non é para aniquilar o adversario, é para o recoñecemento, a convivencia e o diálogo”. 

 

Milleiros fronte a decenas 

 

O chavismo exhibiu forza dentro e fóra do Palacio Federal. A mobilización convocada en apoio á ANC logrou congregar a varios milleiros de persoas nas rúas do centro de Caracas, entrementres a concentración opositora limitouse a unhas decenas. 



x