“Votarem!”, claman alcaldes e alcaldesas en Barcelona recibidos por Colau e Puigdemont

“Votarem!”, claman alcaldes e alcaldesas en Barcelona recibidos por Colau e Puigdemont
Junqueras fala diante das alcaldesas e alcaldes na Generalitat.
Junqueras fala diante das alcaldesas e alcaldes na Generalitat.  

Bastóns (de mando) en alto ao grito de Votarem! (votaremos!). Así comezou a recepción esta mañá na casa do concello de Barcelona ás alcaldesas e alcaldes de toda Catalunya que colaborarán no desenvolvemento do referendo do próximo 1 de outubro. Á recepción institucional que presidiu Ada Colau, alcaldesa de Barcelona, que esta semana anunciou que tamén facilitará as votacións, seguiu outra no palacio da Generalitat, con Carles Puigdemont, o mesmo día que o Boletín Oficial do Estado publicaba o acordo polo que o Estado intervén as contas de Catalunya.


Nun acto convocado pola Asociación de Municipios pola Independencia e pola Asociación Catalá de Municipios, Ada Colau, alcaldesa de Barcelona, expresou esta mañá a súa solidariedade coas máis de 700 representantes municipais que foran citadas pola Fiscalía despois de asinar o decreto de apoio ao referendo. “É unha vergoña que o Goberno de España sexa incapaz de dar unha resposta política e dialogar”, dixo Ada Colau, que tomou a palabra xunto as alcaldesas de Badalona, Dolors Sabater, e de Girona, Marta Madrenas, e Adam Tomás, alcalde de Amposta. "Impedir o voto, a expresión do pobo, é unha agresión aos dereitos fundamentais das persoas. Hai que falar de dereitos, e non de leis", subliñou a alcaldesa de Girona, informa NacióDigital. Pola súa banda, Dolors Sabater recordou que a reivindicación “lexítima, persistente e masiva” dos dereitos do pobo catalán está a sacudir “ao réxime do 78 e fai aflorar os seus fundamentos antidemocráticos”.

 

Alcaldesas e alcaldes está mañá na casa do concello de BarcelonaDespois, as alcaldesas e alcaldes cruzaron a praza de Sant Jaume para seren recibidos por Oriol Junqueras e Carles Puigdemont no Palau da Generalitat. Na mesma praza volveron alzar os seus bastóns e deron berros pola independencia diante de centos de persoas na principal manifestación de respaldo ás institucións catalás neste primeiro domingo de campaña.

 

O vicepresidente, Oriol Junqueras, manifestou que “a mellor maneira de defender a liberdade de expresión é expresarnos”, e recordou que eles, os representantes institucionais, están ao servizo do pobo, da liberdade e da democracia. Pola súa banda, o presidente catalán, Carles Puigdemont, agradeceu o traballo ás alcaldesas e alcaldes en defensa da liberdade e advertiu ao Estado: “Que non subestimen a forza do pobo de Catalunya”, segundo informa Vilaweb. Puigdemont indicou que “chegamos ao 1 de outubro como o país que queremos ser: un país libre, un país onde a xente se poida expresar, onde non teña medo se recibirá ou non unha revista porque ten un artigo do referendo, un país no que non se teñan que fechar páxinas web”.  

 

E concluíu: “Eles poden facer moitas ameazas, poden ter moitos BOEs, pero non vos teñen a vós. Témenvos, e xunto cos vosos veciños, non estaredes sos”.

 

 

 



x