O TS retira a euroorde de detención contra Puigdemont e os 4 consellers

O TS retira a euroorde de detención contra Puigdemont e os 4 consellers
Puigdemont en Bruxelas. Foto NacióDigital
Puigdemont en Bruxelas. Foto NacióDigital  

Inesperada xiradela de guión. O xuíz do Tribunal Supremo acaba de retirar a orde de detención europea contra o president da Generalitat e os 4 consellers no exilio. Faino un día despois de manter en prisión incondicional Junqueras, Forn e os Jordis. No escrito de retirada da euroorde, o xuíz deixa entrever a hipótese de que o Estado belga tivese dito 'non' a petición española de entrega de Puigdemont e os seus compañeiros de gabinete.


Ninguén agardaba esta revirolta dos acontecimentos no roteiro procesal contra Puigdemont e os membros do Govern que na fin de semana dos días 28 e 29 de outubro tomaron o camiño do exilio para non se submeteren a un xuízo no Estado español que, segundo a súa opinión, non iría ter as suficientes garantías xurídicas.

 

Agora, após a inesperada decisión do xuíz Pablo Llarena, Puigdemont e os consellers deixan de estar en busca e captura, xusto no momento en que agardaban a decisión da xustiza belga sobre a súa hipotética entrega ao Estado español.

 

De feito, o xuíz Llarena pediu xa ás autoridades xudiciais belgas que cancelen o procedimento en virtude do cal se podería ter producido a devolución a territorio de xurisdición española de Puigdemont e os consellers Toni Comín, Lluís Puig, Meritxell Serret e Clara Ponsatí.

 

A argumentación que utiliza Llarena para xustificar a retirada da euroorde ditada no seu día pola titular da Audiencia Nacional Carmen Lamela ten basicamente dous elementos. O primeiro pasa por afirmar que na causa se está a investigar un delito "de natureza plurisubxectiva" [ilícitos penais en que interveñen para a súa comisión varias persoas], o que obriga a que estea "dotado dunha unidade xurídica inseparábel". E aquí entra o segundo elemento, a hipótese de Bélxica rexeitar a petición das autoridades xudiciais españolas e negar a entrega de Puigdemont e os consellers. Esa posibilidade está na mente de Llarena, tal e como reza o seu escrito: "Ao ser posíbel que o Estado requerido (en aplicación dos artigos 3 a 5 da Decisión Marco) denegue parcialmente a execución das ordes de detención, posibilitaríase unha restrición do título de imputación para os que se atopan fugados".

 

Isto é, de Bélxica negar a entrega, produciríase unha discriminación entre os acusados que se puxeron a disposición da xustiza española e os que puxeron rumo a Bruxelas, argüe Llarena: o hipotético veto belga "dificultaría a resposta homoxénea que xustificou a acumulación das actuacións e introduciría perturbacións de defensa para os investigados que si que están a disposición deste órgao instructor, os cais poderían ser investigados e xulgados por todos os delitos que o instrutor preveu, colocándose así en 'pior direito' do que aqueles que se achan fugados".

 

Llarena admite tamén que Puigdemont e os consellers tiñan toda a intención de retornar a Catalunya co fin de tomar posesión e "exercer uns cargos eleitos", sendo que son candidatos o 21-D. Neste sentido, o avogado do president afirmou esta terza feira en TV3 que está convencido de que o seu defendido será detido no momento en que tome terra no Principat.



x