O xuíz veta a presenza dos presos políticos no Parlament, mais abre a billa ao voto delegado

O xuíz veta a presenza dos presos políticos no Parlament, mais abre a billa ao voto delegado

Llarena denega a petición de traslado a unha prisión catalá de Oriol Junqueras e tamén veta a asistencia do líder de ERC ao pleno de constitución do Parlament, axendado para este 17-X. O que si vai permitir o xuíz do Supremo é o voto delegado de Junqueras, Forn e Sànchez.


Dos 70 parlamentares soberanistas eleitos o 21-D (34 de JxCat, 32 de ERC, 4 da CUP), 62 teñen garantido o escano presencial e poderán asistir con plena normalidade á sesión de constitución do Parlament. Hai 8 que, en troca, están nunha situación peculiar, ou na cadea (Junqueras, Forn e Sànchez) ou no exilio de Bruxelas (Puigdemont e os 4 consellers que o acompañan).

 

O auto dado a coñecer esta sexta feira polo xuíz Llarena ten unha dupla leitura. Por unha banda, é certo que impide a presenza física de Junqueras, Forn e Sànchez na sesión de investidura, mais por outra abre a billa a que podan delegar o voto, co que, por tanto, non se verían obrigados a renunciar ao escano. Neste momento, a efeitos de pura aritmética, o número de escanos hábeis para o soberanismo sería de 65 (os 62 presenciais e os 3 de Estremera). Todo indica que na mesma situación se poderían achar Puigdemont e os consellers de Bruxelas.


A Moncloa mantería o 155 se o soberanismo investir president a Puigdemont por meios telemáticos

 

Cuestión distinta é o que poda acontecer na investidura. O plano A do soberanismo continúa a ser o de propor como candidato Carles Puigdemont. O problema para o bloco independentista é que a leitura que a bon seguro van facer os órgaos xuidiciais españois é que as leis catalás -a comezar polo regulamento da cámara- prescreben que o candidato á presidencia debe comparecer fisicamente na cámara na sesión de investidura. Non valería, por tanto, nen a delegación do discurso noutra persoa nen a candidatación telemática.


En todo caso, fontes da Moncloa xa filtraron a meios como Elnacional.cat que o gabinete Rajoy respondería coa prórroga do artigo 155 -isto é, a suspensión virtual do autogoberno catalán- no caso de a maioría independentista investir Puigdemont após unha eventual reforma do regulamento do Parlament.

 

Todo intento nese sentido sería "recorrido sen vacilación", dixo esta sexta feira o portavoz Méndez de Vigo no encontro coa imprensa posterior ao Consello de Ministros. "Non se pode estar a 2.000 quilómetros de distancia sendo presidente, non é serio. A sesión de control tamén se faría a distancia?", inqueriron as fontes consultadas por ElNacional.cat.

 

 



x