A xustiza belga non ve razóns para a prisión preventiva e deixa en liberdade Puigdemont e os consellers

A xustiza belga non ve razóns para a prisión preventiva e deixa en liberdade Puigdemont e os consellers
Puigdemont esta semana en Bruxelas. Foto NacióDigital
Puigdemont esta semana en Bruxelas. Foto NacióDigital  

O xuíz debía decidir este domingo se os deixaba en liberdade ou se lles aplicaba prisión preventiva como medida cautelar. Optou pola decisión máis favorábel para Puigdemont e os consellers.


Primeira vitoria para o president e os consellers. Non sofrerán prisión preventiva mentres o xuíz resolve se os entrega ou non ás autoridades españolas, tal e como demandou a xuíza Carmela Lamela ao activar a orde europea de procura e captura. Destarte, o dirixente independentista poderá participar -se ben a distancia, non poderá abandonar solo belga- na campaña eleitoral do 21-D.

 

A única medida cautelar que adopta o xuíz belga é a de que as persoas investigadas pola Audiencia Nacional española estean nun lugar coñecido e a disposición das autoridades xudiciais sempre que sexan requeridos.

 

A resolución do maxistrado belga está, por tanto, nas antípodas da ditada pola xuíz da Audiencia Nacional, Carmen Lamela, quen no seu momento si ordenou prisión incondicional preventiva para Junqueras e 7 consellers.

 

O dirixente independentista poderá participar -se ben a distancia, non poderá abandonar solo belga- na campaña eleitoral do 21-D

 

As autoridades xudiciais belgas non aprezan, portanto, ningún risco de fuga nen consideran que Puigdemont en liberdade poda reincidir nunha suposta actividade delictiva.

 

O xuíz desbotou, aliás, adoptar ningunha medida cautelar que impedise que Puigdemont manteña contactos cos meios, contra o que se especulou tamén nas últimas horas.

 

A partir de agora, ábrese ante os ollos da comunidade internacional un longo proceso xudicial -o da consideración ou non da orde de entrega europea emitida pola Audiencia Nacional española- que, de haber recursos de por medio, podería demorar até dous meses. Durante todo ese tempo, Puigdemont poderá moverse con plena liberdade por todo o territorio belga.

 

 



x