VALENTÍN GARCÍA, SECRETARIO XERAL DE POLÍTICA LINGÜÍSTICA

"O galego marca calidade, orixe, autenticidade e confianza"

"O galego marca calidade, orixe, autenticidade e confianza"
[Imaxe: Luis Polo] Valentín García
[Imaxe: Luis Polo] Valentín García  

Valentín García Gómez é o secretario xeral de Política Lingüística, área da Xunta de Galicia que impulsou, en colaboración co Parlamento e co Foro Enrique Peinador, os XXIV Premios de Publicidade en Galego, uns galardóns que se sustentan no Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico e que foron entregados o pasado mes de novembro. Conversamos con el ao respeito.


Con que finalidade nacen os premios?

 

Nacen porque detectamos unha certa eiva en toda a cadea de produción e comercialización dos produtos á hora de etiquetalos en galego. Observamos que moitas veces hai produtores que queren etiquetar en galego, pero as cadeas de distribución ou as empresas de mercadotecnia e publicidade son quen lles quitan a idea da cabeza. Facer unha campaña publicitaria sempre é unha aventura, nunca hai unha campaña igual a outra, trátase de innovar, de impresionar… pero por moi caras que sexan ningunha ten garantía de éxito. Entón hai que asegurar o éxito, alicerzalo da mellor forma posible. Así é como pensa a xente da mercadotecnia. Por iso, cando alguén di que quere promoverse en galego, respondéselle en moitas ocasións que iso supón introducir unha incógnita máis e que hai que irse ao castelán, que é o seguro. Isto frea moitas iniciativas que poderían saír en galego. De aí que pensásemos en facer algo que non só implicase a quen etiqueta en galego, senón ás persoas encargadas de que saia esa etiqueta en galego, de pensala, de deseñala… Foi así como creamos uns premios en que aparecen a persoa produtora, mais tamén a persoa encargada de mercadotecnia e a cadea distribuidora. Desta maneira, o éxito é compartido e é unha forma de visibilizar que marcas que todas e todos coñecemos se apoien en empresas de publicidade que lle fan ese traballo en galego.

 

Que marca o galego na publicidade?

 

Marca proximidade, denominación de orixe, confianza, procedencia… conta con moitos valores que etiquetando en castelán non se conseguen. Temos os típicos exemplos do vodka e do viño do Porto, desconfiariamos dun vodka etiquetado en portugués –quérelo en ruso aínda que non saibas ruso– e dun Porto etiquetado en ruso –quérelo en portugués aínda que non saibas portugués–. A lingua é marca de autenticidade e de calidade dese produto. Funcionou isto moi ben co viño. Hoxe o 70% dos viños que se producen en Galicia está etiquetado en galego, e moito non o vemos porque vai destinado directamente á exportación. Hai marcas que case non venden en Galicia e etiquetan en galego porque no viño a denominación de orixe é moi importante. Pola contra, o ámbito da conserva, onde levamos intentándoo mil e unha veces e onde tamén é moi importante a denominación de orixe e a procedencia, é unha das grandes materias pendentes. Probablemente, porque son empresas cunha procedencia distinta. O viño sufriu nos últimos anos unha renovación xeracional impresionante e as conservas son empresas de tradición familiar ás que lles custa máis cambiar. E isto tendo en conta a importancia, insisto, da orixe, debido aos problemas de intrusismo que sofre o sector. Eu sempre lles digo, que haberá mellor que etiquetar en galego para que saiban que estas conservas son galegas?

 

Estes premios teñen unha estreita relación co Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico.

 

Unha das cuestións que establece o plan de dinamización, que foi aprobado en consenso por todas as forzas políticas, é visibilizar o emprego do galego por parte de todos os sectores da produción e comercialización. É nese eixo no que incardinamos os premios. Despois tamén en implicar as empresas interesadas en facer este traballo. É un premio co Parlamento de Galicia, no que están representadas todas as forzas políticas, que ten un prestixio e é a casa da palabra, o lugar onde se impulsan boas iniciativas, e o Foro Enrique Peinador, de ámbito civil e pioneiro en traballar coas empresas, autónomos, comerciantes… para impulsar medidas de galeguización.

 

Que lles diría ás empresas que teñen certas reticencias a empregar o galego na comercialización dos seus produtos e servizos?

 

O uso do galego supón unha implicación e un compromiso coa cultura do país, con todo o que nos sexa propio, e marca, como dicía, unha orixe específica. Galicia, nos últimos anos, ten moi bo cartel no mundo comercial e económico. Os produtos de Galicia están prestixiados e non só falo no ámbito do Estado español, senón fóra del. A produción galega é sinó- nimo de calidade. Se iso o revestimos dunha etiqueta auténtica que temos nós e cun valor cultural potentísimo, un idioma propio que non te- ñen outros países máis grandes, é algo impresionante. Posuír unha lingua propia é un dos maiores valores cos que podes contar. É certo que non é igual de fácil en todos os sectores, é dicir, non é igual de fácil para unha empresa que se dedica a embotellar viño Ribeiro en Ribadavia que para unha farmacéutica que envía antibióticos a Costa Rica. De todos os xeitos, temos que ir convencendo. Sobre todo, no mundo económico, funciona moito a campaña de prestixio social, poñendo como exemplo as empresas ás que lles foi ben co uso do galego e que gañan diñeiro.

 

Sempre se refire á lusofonía como unha grande oportunidade.

 

É unha oportunidade que practicamente non ten unha lingua cooficial de aquí nin do resto de Europa. Que a lusofonía estea nas economías máis emerxentes do mundo, como Brasil, Angola, Mozambique, é unha fortuna e non somos conscientes da importancia que implica. Téñenme manifestado altos executivos de multinacionais españolas que á hora de mandar traballadoras ou traballadores ao Brasil, as galegas e galegos teñen prioridade absoluta. Todo isto hai que explicalo, porque, por sermos xenerosos, o 70% das galegas e galegos non somos conscientes da importancia da relación coa lusofonía.

 

Por que a Secretaría Xeral de Política Lingüística insiste tanto en implementar medidas no ámbito da empresa?

 

Na sociedade en que vivimos, o mundo económico é fundamental, quizais sexa o máis importante no día a día. Todas e todos nos erguemos para ir traballar, para ir estudar, para comerciar, comprar, vender… o ámbito económico impregna toda a nosa vida. Unha lingua que está inserida nos fluxos económicos e comunicativos da sociedade é unha lingua viva e útil, unha lingua que só estea no ámbito cultural, no político, no ritual… será unha lingua de postín, non será unha lingua útil. Unha lingua útil é aquela coa que nos comunicamos, coa que se compra, coa que se oferta, coa que se relea. Isto forma parte da vida da inmensa maioría da poboación. Está moi ben que sexa a lingua da literatura, do ensino, dos medios de comunicación, do Parlamento… mais tamén debe selo da economía. Non se nos escapa que este é un dos ámbitos nos que máis estaba vetado o galego. Temos moito que avanzar para gañar terreo. Aínda que sexa de maneira tímida, o galego foi introducíndose en máis empresas nos últimos anos. Hai empresas que naceron xa co seu ADN galego: Feiraco, Deleite, R… e tamén, máis recentemente, os vermús. Hai vinte anos víase imposíbel ter vermús bos galegos, os vermús bos viñan de Italia. En cambio, desde hai uns anos temos Petroni e Nordés, que están en todas as partes, dentro e fóra de Galicia, e etiquetados en galego, nunca utilizaron outra lingua. É un fenómeno novo. Despois tamén están empresas como Gadisa ou Eroski, cuxa lingua vehicular é o castelán, mais que incorporan o galego nas súas campañas e rotulacións. Afortunadamente, cada vez son máis as que se suman ao uso do galego.

 

Como acollen as empresas iniciativas como os premios ao uso do galego na publicidade?

 

A acollida é moi boa. Elas e eles din que nunca esperan ser premiados por utilizar o galego. Tamén moitas veces lle preguntas a un empresario por que non usa o galego e diche, “pois a verdade, non o pensei”. Aínda hoxe non temos a conciencia social de que o galego é un capital e de que na nosa sociedade contamos cun estatus cultural e comunicativo moi especial con respecto a outra xente. Non somos conscientes, en definitiva, da utilización da lingua.

 

Esta entrevista aparece no número 186 do A Fondo, o caderno de análise do Sermos Galiza, disponíbel conxuntamente co número 276 do semanario. Telo aquí na nosa loxa ou nos pontos de venda habituais.



x