De ‘Velutina’ a ‘sapoconcho’ ou ‘afouteza’: oito finalistas para a Palabra do Ano 2017

De ‘Velutina’ a ‘sapoconcho’ ou ‘afouteza’: oito finalistas para a Palabra do Ano 2017

Até as doce en punto da noite do 25 de decembro podes votar pola túa preferida. 


Afouteza, eucaliptización, independencia, sapoconcho, teimudo, vaga de lumes, velutina e violencia de xénero. Son as oito finalistas para a Palabra do Ano 2017 que convoca o Portal das Palabras. Son as propostas escollidas entre un bo feixe de palabras diversas que chegaron na primeira fase. Agora estamos na segunda fase da escolla: até  as doce en punto da noite do día de Nadal, luns 25, podes votar pola túa preferida entre as oito candidatas

 

Só nas primeiras 24 horas chegaron perto de 900 propostas. En total, desde o 4 de decembro ata o domingo 17, houbo máis de 6.700 achegas, o que supuxo superar os 890 termos diferentes recollidos.

 

As oito palabras finais cumpren todas elas os seguintes criterios: están á cabeza das máis repetidas entre todas as que chegaron; son palabras contundentes, con forza informativa, que centraron por diversos motivos os temas de maior presenza nos medios e máis impacto social do ano; e teñen, as máis delas, un valor engadido desde o punto de vista estritamente lingüístico, ben por seren terminoloxía de nova creación, por exemplificaren usos singulares ou por seren colocacións léxicas de plena actualidade.

 

Para escolleres a túa Palabra do Ano 2017, entra na páxina das votacións. A gañadora, que o será por maioría estrita, é dicir, a máis votada de todas, darémola a coñecer na mañá do mércores 27 de decembro.



x