''Sen a súa lingua, a Galiza non existe''


''Sen a súa lingua, a Galiza non existe''
O IES de Chapela, en Redondela, presenta un lipdub cargado de misterio e reivindicación. Súmanse a unha loita a prol do noso idioma para evitar que, no futuro, acabe protagonizando unha aula de Lenguas Muertas. A peza, no interior


Calquera día do futuro. Aula de Lenguas Muertas. Toca falar do galego. Conta o profesor, en perfecto español, que houbo nun tempo un lugar que tiña fala propia, mais que xa non existen nin o lugar nin a fala propia "porque os propios galegos pensaron que non lles era útil". Un alumno achégase até o idioma, que repousa nunha cadeira de rodas, e dille algo ao ouvido. Convéncea. Abre os ollos, érguese e arríncase a cantar.

"Eu falarei, eu falarei...", entoa ao outro lado do teléfono Aldán Santamarina, o profesor de Matemáticas de Chapela que dá as aulas en galego "incumprindo claramente a lei", o decreto de Feijóo sobre o uso das linguas no ensino, que reserva as 'materias duras' para a lingua cervantina. Cóntanos como foi a rodaxe do lipdub "con letra reivindicativa e en positivo" que o IES no que traballa desenvolveu ao longo deste curso académico co apoio do departamento de Normalización Lingüística, que decidiu que a actividade deste fose "participada por toda a comunidades educativa" e da que fixeron parte tamén o profesor de Música, Miguel Pérez Lorenzo, e até o conserxe do centro.

Unha lingua internacional
Nun único plano secuencia, característica destas pezas, hai un repaso crítico da situación do galego: profesor@s cos beizos selados con esparadrapo porque non poden impartir as Mates, a Física ou a Química nesta lingua; alumn@s que buscan e buscan, máis non atopan a súa lingua nos xornais; ou moz@s que procuran ver filmes neste idioma que xa non se ouve nos cinemas. Sae un avó, en clara referencia @s vell@s que conseguiron manter viva unha lingua que agora ven agoniar nas bocas máis novas polas políticas de ataque e derrubamento que se ditan desde arriba. "Mais non queremos encaixar a defensa do galego nas persoas maiores nin nos propios galegos, por iso a persoa que 'esperta' a lingua morta é un rapaz da República Dominicana". E é que a nosa é unha lingua internacional. ''Entendemos que, sen a súa lingua, a Galiza non existe''. E así se dá a entender no guión da introdución ao lipdub.

Tamén hai espazo nesta acción reivindicativa para os deportes que se practican nesta parroquia de Redondela, balonmán e remo; unha lingua apta para todo, desde estudar a ligar pasando por educar as crianzas; e unha equipa de 29 cantor@s escollidas nun casting @s que se suman outr@s moit@s para a escena final até xuntar ao redor de 400 gorxas que berran con forza un compromiso: 'Eu falarei'. Esta declaración de intencións ten especial relevancia nun centro onde o 100% do alumnado de ESO e Bacharelato fala español.

"Temos claro que este é un camiño de longo percorrido, e accións coma esta van formar parte da súa historia vital, porque se implican moitísimo. É un feito en positivo, divertido, mais cunha repercusión que se notará co paso dos anos. Sería inxenuo pensar que van mudar a escolla da lingua na que falan entre eles por unha acción así", explicou Santamarina.

Unha mistura de reivindicación e divertimento
Nesa carreira de fondo que a equipa de Normalización Lingüística está a participar, o lipdub é só unha das moitas accións que se emprenderon. Fuxir do eido estritamente académico e procurar iniciativas participadas que vinculen a lingua co ocio d@s alumn@s é unha utopía alcanzábel. E neste IES de Chapela está a funcionar moi ben. Para alén da comisión de Música funcionan outras que puxeron en marcha un certame de microrrelatos en cuxo texto debía estar presente a palabra en galego da que máis gostase o alumnado. "Saíu esa na que ti e eu estamos a pensar: bolboreta"; un concurso de curtas rodadas por elas propias e o Bendito-Maldito, un espazo onde denunciar ou premiar respectivamente os usos erróneos e correctos da lingua do País.

A banda do patio --que ensaia nos recreos e na que a batería é cousa de mulleres-- saíu tamén de entre as rapazas e rapaces do centro; e un festival de Rap-Gueifa --mistura de rap e regueifa-- espertou o talento adormecido d@s beret@s --como se coñecen @s habitantes de Chapela--, de cuxo maxín e coa axuda das provocacións de Caruncho e Pinto d'Herbón saíron letras incluso contra a ampliación da AP9. Mais nesta segunda a creatividade estivo de día libre. Combinara no Multiusos de Chapela con toda a parroquia para a estrea dun lipdub no que tivo moito a ver. Covadonga Berdiñas, a actriz que lle dá vida a Puri en Padre Casares, fixo de madriña de cerimonias, e aproveitou para denunciar a situación do audiovisual galego.