17M: encher Compostela por un galego sen límites

17M: encher Compostela por un galego sen límites

A mobilización convocada por Queremos Galego chama a “superar colectivamente” os obstáculos para vivir con normalidade no idioma propio do país.


Ás 12:00 horas na Alameda de Santiago de Compostela. Hora e lugar que xa son fixos desde hai anos en calendarios de moitísimos fogares galegos cando chega o 17 de Maio, Día das Letras Galegas. É o punto de partida das multitudinarias manifestacións que, ano tras ano, percorren a capital de Galiza para defender o dereito a vivir en galego con total normalidade, sen obstáculos nin impedimentos.

Este ano, o lema da convocatoria realizada por Queremos Galego é ‘En galego, sen límites’. O remate da manifestación será na Praza da Quintana. Estará conducido pola actriz Isabel Risco. Actuarán os regueifeiros Bieito Lobariñas e Josiño da Teixeira e tamén a cantora Belén Tajes. O acto será protagonizado por persoas representativas de diferentes sectores onde existen importantes limites para empregar o galego con toda normalidade: o actor e director de dobraxe Miguel Pernas, a estudante Karina Pereira Rei, a avogada Guadalupe Vidal, a Membro do Comité de empresa de Eurocen Patricia Cordo e o profesor de matemáticas Cibrán Arxibai. Poñerá o ramo Marcos Maceira, protavoz de Queremos Galego.

Maceira considera que “a sociedade galega é cada vez máis consciente de que a exclusión da súa lingua é a negación do seu dereito a existir con dignidade”. E iso nun escenario onde a demanda de galego “non só non é atendida senón que nos últimos anos sufrimos un importante retroceso acelerado por quen precisamente ten a obriga legal do contrario, o presidente da Xunta de Galiza”.

As promesas incumpridas de posibilidade de uso pleno e normal da lingua propia, contidas no Estatuto e na Lei de normalización lingüística, xunto cos importantes retrocesos que tiveron lugar, nomeadamente en eidos como o educativo, provocaron nestes anos unha reacción social a favor do galego que se visualiza claramente nos 17 de maio. “A garantía de futuro do galego está na forza e na dignidade do pobo galego. Entre todas e todos podemos mudar a situación”, afirmou Maceira na presentación da mobilización.

“En vez de avanzarmos cara un ensino co galego como lingua vehicular, avanzamos cara ao afogamento no castelán omnipresente, como  se ve nos datos de exclusión do galego no ensino infantil”. Para Queremos Galego a situación de discriminación e de non garantías para o galego no ensino é indicativa do que tamén acontece noutros moitos ámbitos como a administración, o económico ou o laboral. 



x