A CTNL demanda que a Xunta paralice as campañas que descoidan o galego

A CTNL demanda que a Xunta paralice as campañas que descoidan o galego
Galega 100%
Galega 100%  

“Pesca-de-rías”, “Cómete o mar”, “As mulleres, pilares de Galicia”, “Leite galega 100%”. A CTNL responde ao “desleixo” da Xunta no uso da lingua nas campañas publicitarias, solicita a paralización e reclama o coidado na calidade do idioma desde as administracións públicas. 


Despois da polémica  polo uso incorrecto da lingua na campaña “Cómete o mar” a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización Lingüística (CTNL) fai público o manifesto “Pola creatividade galega e a calidade lingüística” no que demandan calidade lingüística das administracións públicas. 

Co manifesto “Pola creatividade galega e a calidade lingüística”, a CTNL reclama que a Xunta “paralice as diferentes campañas nas que se descoida a lingua e as reinicie desde o galego”. Destacan a alta calidade da creatividade publicitaria e comunicativa galega e defenden o papel fundamental que a lingua xoga no eido comunicativo. 

“A calidade lingüística de todos os textos e mensaxes públicas das administracións é fundamental, pois transmiten a imaxe das propias entidades” e son interpretados como “modelos de lingua”, afirman. 

Calidade de lingua

Denuncian un “especial e grave desleixo lingüístico” en campañas promovidas pola Xunta e citan, como exemplo, ademais da máis recente “Cómete o mar” as marcas “Pesca-de-rías”, “Leite galega 100%” ou “As mulleres, pilares de Galicia”. A CTNL esixe, polo tanto “a todas as entidades públicas un maior compromiso co uso e prestixio da lingua galega e coa calidade lingüística en todas as súas accións comunicativas” polo que reclaman que paralicen as campañas que están a perpetrar o maltrato coa lingua e “mude os seus nomes e lemas por outros pensados en galego e desde o galego”. Como profesionais da normalización lingüística, piden que conten con especialistas que coiden da calidade do idioma e traballen con creativ@s que deseñen as campañas desde o galego e para o galego. 

A Xunta non modificou, malia a polémica destes días, a campaña "Cómete o mar" que presentou a conselleira do Mar, Rosa Quintana máis a Directora de Turismo, Nava Castro. 



x