Activada a campaña ‘Cárgate de sentido común’ para impulsar a ILP polos dereitos lingüísticos

Activada a campaña ‘Cárgate de sentido común’ para impulsar a ILP polos dereitos lingüísticos

Xa está activa a páxina sentidocomun.amesa.gal, unha web a través da que coñecer todo o que un queira e desexe sobre a iniciativa lexislativa popular (ILP) sobre os dereitos lingüísticos no ámbito socioeconómico. Desde o obxectivo da campaña e a ligazón do documento completo co que se presentou a ILP até os motivos polos cales se está impulsando esta ILP ou o calendario dos postos que A Mesa pon a disposición do cidadá para recoller sinaturas.

A iniciativa pretende impulsar un desenvolvemento legal que fixe o contido mínimo dos dereitos lingüísticos nas relacións comerciais xa que a súa inexistencia, malia ser o galego una lingua coofiacial en Galiza,  provoca continuamente situacións de vulnerabilidade, indefensión, denegación da atención e na prestación dos servizos, indican desde A Mesa

O protocolo de Donostia

O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, e o Secretario Xeral de Kontseilua, Paul Bilbao, reuniranse esta quinta feira, 20 de abril, co presidente do Parlamento galego, Miguel Santalices, e co presidente da Real Academia Galega, Victor Freixanes, para presentar o protocolo de Donostia para a garantía dos dereitos lingüísticos.

O Protocolo de Donostia é froito dun proceso de acordo desenvolvido nos anos previos por diferentes grupos de traballo, combinando os enfoques científico, académico e social, para construír unha ferramenta que permita reverter a situación das linguas minorizadas e construír unha Europa baseada na igualdade entre as comunidades lingüísticas. O documento internacional foi promovida por Kontseilua e outras entidades internacionais, contou coas achegas de ducias de entidades sociais de toda Europa recollidas por un Comité científico no que participou  a profesora da Universidade da Coruña e activista da lingua galega, Pilar García Negro.

Este documento dá continuidade á Declaración Universal dos dereitos lingüísticos de 1996, que foi aprobada por unanimidade polo Parlamento de Galiza e asumida polo Congreso dos Deputados.

Nunha entrevista en Sermos Galiza, Paul Bilbao, de Kontseilua, cualificaba o protocolo como “un exercicio práctico de empoderamento” da trintena de comunidades lingüísticas existentes en Europa.