O derradeiro adeus do grao de estudos en galego na Universidade de Vigo

O derradeiro adeus do grao de estudos en galego na Universidade de Vigo
A faculdade na que se imparte o grao de galego
A faculdade na que se imparte o grao de galego  

O 2 de xuño é o acto de gradación da derradeira promoción que sae do grao de estudos en galego e español da Facultade de Filoloxía e Tradución da universidade viguesa. 


O 2 de xuño terá lugar o acto de gradación da derradeira promoción que vai saír do grao de estudos en galego e español da Facultade de Filoloxía da Universidade de Vigo. Van ser 23 alumnos, de algo máis dos 40 que comezaron este grao nesta promoción, os que se gradúen. Un acto no que estarán presentes como convidados externos persoas como Anxo Angueira, escritor e presidente da Fundación Rosalía de Castro. Os padriños, Carmen Becerra e Xosé A. Salgado. E xa non haberá máis actos deste tipo nos vindeiros anos porque este grao extínguese.

“É unha mágoa porque é unha carreira necesaria e onde a xente pode aprender moito”, lamenta Lucía, unha das alumnas que fai parte desta derradeira promoción, e que enmarca esta extinción nas horas baixas que atravesan as humanidades en xeral. Na Facultade de Filoloxía continuaranse a impartir os outros 3 graos: Ciencias da linguaxe e estudos literarios, Linguas estranxeiras, e Tradución e Interpretación.

A fin do grao responde a que non reúne o mínimo de alumnos necesarios para o seu mantemento. Entre os estudantes consideran que non se deu a coñecer abondo. “Moita xente pensa que galego só se podía estudar en Santiago”, indican.  O grao de estudos en galego e español constaba en Vigo dun primeiro ciclo, dous anos, comúns para todos os estudantes. En terceiro e cuarto era cando se escollían as especializacións: galego, español, as dúas literaturas ou as dúas gramáticas.

Esta licenciatura en galego e español vai ser substituída por un grao de Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios e nel si que se poderá cursar a especialización en galego.

Nota: Esta información foi emendada ás 14.07.



x