EN INGLÉS SI, NA LINGUA DA GALIZA NON

A aseguradora Génesis négase a considerar oficial o galego, denuncia A Mesa

A aseguradora Génesis négase a considerar oficial o galego, denuncia A Mesa

Afirma que a empresa se nega a facilitar a documentación en lingua galega. Audio no interior


A Mesa rexistra esta segunda feira a través da Liña do Galego unha denuncia contra a aseguradora Génesis por negarse a facilitarlle a póliza do cliente en lingua galega, contrariando o que a propia lexislación estipula.

 

Segundo informa a entidade de defensa do galego, o afectado solicitou expresamente o contrato da póliza en lingua galega, tal e como se especifica nas cláusulas. Porén, desde a compañía alegaron que o deben enviar en español por teren clientela estranxeira. Desde a aseguradora ofrecéronlle a posibilidade de enviar a póliza en inglés mais non en galego como o cliente solicitou. Asemade, o persoal da aseguradora notificou que de non poder realizar a solicitude do interesado, procederían a eliminar esa cláusula dos contratos.

 

A Mesa anuncia que se porá en contacto coa aseguradora  para pedir explicacións e lembrarlle a obriga de cumprir co artigo 8 da Lei 50/1980, de contrato de seguro que especifica: “a póliza do contrato deberá redactarse, a elección do tomador do seguro, en calquera das linguas españolas oficiais no lugar onde aquela se formalice. Se o tomador o solicita, deberá redactarse noutra lingua distinta, de conformidade coa Directiva 92/96, do Consello da Unión Europea, de 10 de novembro de 1992.”

 

Do mesmo xeito, A Me4sa instará a Secretaría Xeral de Política Lingüística a que actúe. “Non pode ser que en Galiza se pisen os dereitos dos galegos e galegas, se trate á lingua propia como un dialecto e a Xunta non faga o máis mínimo” expresou Marcos Maceir, presidente da Mesa.



x