Afouteza, Palabra do Ano 2017

Afouteza, Palabra do Ano 2017

Tivo 48% dos votos. Independencia foi a segunda máis votada e sapoconcho, a terceira.


Afouteza é a palabra do ano 2017, collendo así o relevo de Irmandade, que o foi en 2016. Con 48 por cento dos votos, afouteza foi a ‘palabra gañadora entre as oito finalistas (Afouteza, eucaliptización, independencia, sapoconcho, teimudo, vaga de lumes, velutina e violencia de xénero). Votaron por ela neste concurso organziado polo Portal das Palabras 3.004 persoas das 6.228 que participaron na elección. Independencia foi a seguinte en número de votos con 939 e sapoconcho a terceira con 830. Eucaliptización, teimudo, vaga de lumes, violencia de xénero e velutina completan, por esta orde, a táboa de posicións final.

 

O éxito de afouteza cociñouse ao longo de todo o ano 2017, xa que durante varios meses liderou a listaxe de palabras máis buscadas no Dicionario semana tras semana. Os medios de comunicación recolleron este dato, dando conta de que este interese por unha voz non moi frecuente na fala coloquial era debido á campaña do Celta de Vigo “Ensinémoslle ao mundo o significado da afouteza”, baseado nun verso do propio himno do club..

 

Afouteza vén definida no Dicionario en dúas acepcións: pode referirse á disposición de quen actúa sen temor ás dificultades ou perigos ou á seguridade en si mesma que demostra unha persoa.  A orixe de afouteza atópase nun verbo latino, favere, que tiña por significado ‘favorecer’ ou ‘protexer’, e que os romanos usaban en principio no ámbito relixioso, para se referiren aos favores e á benevolencia dos deuses cos mortais. De favere e do seu supino fautum chegouse en romance a fouto e fouta, as formas primitivas do adxectivo. Logo na fala engadiuse unha vogal inicial de reforzo, e de aí afouto e afouta, é dicir, a persoa que “ten ou amosa afouteza”. Completan a familia léxica o adverbio afoutamente e mais o verbo afoutar (que pode ser tamén pronominal, afoutarse), cando lle damos ánimos ou valor a alguén, para realizar algo ou encetar unha empresa.

 

Afouteza está na lingua practicamente desde os inicios, como indica a súa presenza en documentos do século XIV. A primeira recollida lexicográfica fíxoa Juan Sobreira a fins do XVIII, na súa colección de termos. Di o padre Sobreira que “afouta” é a “persoa dilixente e activa nun traballo, manifestándose confiada no logro” e insiste “o que non desmaia, ou non manifesta desconfianza no que emprende” (adaptación da definición orixinal do frade bieito Sobreira, na súa colección lexicográfica de 1787-1805). 

 

Mais a afouteza non é só unha palabra de dicionarios e dicionaristas, xa que aparece con certa regularidade en textos literarios e particularmente nos medios de comunicación, desde O Tío Marcos da Portela, pasando por A Monteira, a revista Nós e A Nosa Terra do comezo do XX entre outras. Neste espazo comunicativo, volve brillar nesta segunda decena do século XXI.

 

Afouteza, eucaliptización, independencia, sapoconcho, teimudo, vaga de lumes, velutina e violencia de xénero foron as oito finalistas para a Palabra do Ano 2017. As propostas escollidas entre un bo feixe de palabras diversas que chegaron na primeira fase.

 

As oito palabras finais cumprían todas elas os seguintes criterios: están á cabeza das máis repetidas entre todas as que chegaron; son palabras contundentes, con forza informativa, que centraron por diversos motivos os temas de maior presenza nos medios e máis impacto social do ano; e teñen, as máis delas, un valor engadido desde o punto de vista estritamente lingüístico, ben por seren terminoloxía de nova creación, por exemplificaren usos singulares ou por seren colocacións léxicas de plena actualidade.



x