PALABRAS CON MEMORIA

Algunhas cousas de comer e outras non tanto

Algunhas cousas de comer e outras non tanto
Touciño entrefebrado
Touciño entrefebrado  

Cegamaridos.- Solombo do porco de grande prestixio gastronómico que quizais sexa correspondente ao filet mignon dos franceses.

Lugar de escoita.- Case non se escoita, pero Otero Pedrayo sitúao na montaña luguesa.

Fonte.- Otero Pedrayo.

Outros apuntamentos.- Segundo Taboada Chivite, había “a prohibición de comer os homes determiñada parte do porco, próusima ás derradeiras vértebras, chamada cega maridos, porque se a comen os varóns perderán a vista”. Pero vese que xa daquela facíase caso omiso da prohibición.

 

Ovos ó cabalo.- Almorzo tradicional.

Lugar de escoita.- Comarca de Sarria (Lugo)

Fonte.- Andrés Lombardía.

Outros apuntamentos.- Comenta a fonte que para preparar este prato cómpre facer á prancha unha tallada de xamón que quedou a desalgar do día anterior e montarlle uns ovos fritidos por riba. O prato completase cun par de tostas que se farán na mesma graxa do xamón.

 

Papaguello.- Galdrumada, comida sen xeito, mal preparada.

Lugar de escoita.- Zona de Vilalba (Lugo).

Fonte.- Xosé Manuel Fernández.

 

Verdola.- Verza coa que se envolvía a manteiga.

Lugar de escoita.- Lugo.

Fonte.- Suzana do Páramo.

 

Vía.- (Ademais de significados xa rexistrados) Veta de freba no touciño. 

Exemplo: “É un touciño sen unha vía de freba.”

Lugar de escoita.- San Martiño (Vilaboa do Morrazo).

Fonte.- Sé Anxo Rosales González.

 

Viada.- Touciño con freba. 

Exemplo: “Comiches a viada?”

Lugar de escoita.- San Martiño (Vilaboa do Morrazo).

Fonte.- Sé Anxo Rosales González.

 

Xerpe/xerpelo/xarpelo.- Caldo, caldoada, caldufada.

Lugar de escoita.-  Bergantiños e noutras zonas da Galiza rural.

Fonte.- Alberte Suras.

 

Outros apuntamentos.- É moi posíbel que derive da xerga dos canteiros.

 

Palabras con Memoria é unha sección que coordena a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. Todo o material podes consultalo aquí.

 

Se queres achegar algunha palabra que non apareza nos dicionarios, dirixe as túas propostas ao correo palabra.con.memoria@aelg.org (indicando a palabra, a súa acepción e o lugar en que foi recollida) ou cobre este formulario.



x