Android, disponíbel xa en galego


Android, disponíbel xa en galego

A lingua propia foi incluída na última actualización e xa está disponíbel en Nexus, os dispositivos de Google. A decisión chega após un ano do lanzamento dunha campaña por parte de Mallando no Android.

 

Mallando no Android informou esta cuarta feira (15 de outubro) que a lingua galega foi incluída na última versión do sistema operativo móbil. A iniciativa deste colectivo, responsábel do portal web de información tecnolóxica e do que é editor o colaborador de Sermos Galiza, Iago Varela, Android incorporou o galego que xa se pode atopar nos trebellos Nexus, os dispositivos móbeis que comercializa Google. 

"É cuestión de meses que todas e todos teñamos esta posibilidade nos nosos smartphones e tablets", afirman desde Mallando no Android que se parabenizaron por ter logado en pouco máis dun ano que a lingua propia de Galiza estea disponíbel en Android.

"É cuestión de meses que todas e todos teñamos esta posibilidade nos nosos smartphones e tablets"

"Co galego como lingua oficial en Android, os desenvolvedores téñeno moito máis doado para adaptar as súas aplicacións á nosa lingua, e para os usuarios todo será moito máis transparente, xa que non teremos que andar fedellando  nos diferentes menús de cada vez que queiramos ter unha app na nosa lingua", sinalan nun comunicado pendurado na súa páxina web. 

Durante a campaña iniciada en outubro de 2013, #AndroidEnGalego, Mallando no Android recompilou máis de 4.300 sinaturas e o apoio de múltiples colectivos e empresas galegas que apostaron na presenza da lingua galega tamén nos operativos móbeis.