PILAR GARCÍA NEGRO

"A cinco anos vista, a situación do galego dependerá do que deamos feito colectivamente"

"A cinco anos vista, a situación do galego dependerá do que deamos feito colectivamente"
María Pilar García Negro
María Pilar García Negro  

Ensaísta, ex parlamentar do BNG e indiscutíbel protagonista da filoloxía galega nas últimas décadas, Pilar García Negro é quen se debruza este sábado sobre a xanela do #VenhanMais5 para falarnos dun asunto que é unha das paixóns da súa vida.


-Como ves o estado actual da lingua galega?

 

-Padece, como é sabido, unha crise crónica e, no presente, aguda. A política oficial  -española e autonómica-, no canto de ter abordado a “terapia” necesaria, cronificou e sofisticou as súas “doenzas”. Todo o que de bon, de progresivo e normalizador viveu o galego nestas últimas catro décadas débese ao esforzo de base, da propria sociedade, na súa parte activa e consciente verbo do valor intransferíbel e dignificador da posesión e uso da lingua propria da Galiza, esforzo en que o nacionalismo tivo e ten papel central e impulsor. A crise particular da lingua galega obedece a unha brutal descompensación entre oferta e demanda; a un desequilibrio entre esforzos normalizadores e acción institucional-gobernamental, abonada ao estupefaciente e e nos considerar un residuo nun mundo global xerarquizado e ditatorial.

 

Sermos Galiza pode mellorar nunha liña xa existente: a de procurar dar conta, ao máximo posíbel, de todo o relevante que acontece na Galiza

 

-Que evolución agardas a cinco anos vista?

 

-A cinco anos vista, a situación do galego dependerá do que deamos feito colectivamente: dunha banda, para rectificar políticas oficiais que son mortíferas e para conseguirmos que ingresen dunha vez na legalidade cativa de que elas proprias se dotaron, nunca cumprida con eficiencia, perseveranza e avaliación-corrección de resultados; doutra banda, para que a minoría consciente dos dereitos e da precisión de uso do galego redobre o seu activismo e teña conciencia de aspirar a deixar de ser minoría.

 

-Que esperas de Sermos nos próximos cinco anos e en que cres que debemos e/ou podemos mellorar?

 

-De Sermos Galiza espero, en primeiro lugar, que siga existindo (tanto na versión dixital como en papel) para ben de todos nós. É un espello imprescindíbel: do país, a información que ten como centro a Galiza e, desde ela, o mundo. Pode mellorar nunha liña xa existente: a de procurar dar conta, ao máximo posíbel, de todo o relevante que acontece na Galiza; asemade, debe mellorar na necesaria contextualización das informacións, para facilitar unha idea da secuencia histórica do que se leva construído na nosa nación, tanto no político como no cultural e social. E parabéns por este quinquenio!

 



x