Asinar un contrato en galego cun banco aínda é case unha utopía

Asinar un contrato en galego cun banco aínda é case unha utopía
[Imaxe: Ezquibela] Sucursal de Caixa Rural en Cambados
[Imaxe: Ezquibela] Sucursal de Caixa Rural en Cambados  

“Durante la duración del contrato nos comunicaremos con usted en castellano”. Así reza o “régimen lingüístico” dunha cláusula dun contrato tipo de Abanca, denunciado pola Mesa e polo que pide explicacións a Xunta. En declaracións a Sermos, a filial de Banesco defende o “seu compromiso coa normalización” pero admite que, por exemplo, non é posíbel abrir unha conta corrente en galego. Analizamos se a aposta no idioma propio neste e outros bancos vai máis alá da publicidade, ou é pura mercadotecnia. Eis un extracto da reportaxe publicada no Sermos Galiza 263.


7Nesta reportaxe fixemos un pequeno experimento sociolóxico para albiscar cal é o uso real do galego na banca. Banco Santander, BBVA, Caixabank e Bankia son os catro maiores bancos do Estado. Así que esta semana presentámonos en oficinas destas catro entidades en Santiago, e tamén nas de Abanca e Caixa Rural Galega, falando galego e preguntando polas ofertas de depósitos a prazo.

 

Todas as traballadoras e traballadores de banca adaptáronse á lingua do posíbel cliente, pero ningún foi quen de ofrecer documentos no idioma do país. Preguntados se, no caso de abrir definitivamente o depósito, poderiamos asinar o contrato en galego, as reaccións variaron desde as desculpas, pasando pola sospeita ( “¿Para que lo quieres en gallego?”) até a retranca (“por estar en galego non che imos pagar máis interese!”). Non houbo ningunha resposta claramente afirmativa.

 

Esta limitada mostra de seis oficinas, en absoluto representativa, si permite albiscar unha contradición: cada vez máis bancos tiran de galego para a publicidade, pero todos prescinden del nos documentos máis importantes, os contratos.

 

“Se quero abrir unha conta corrente, podo asinar un contrato en galego?”, preguntou Sermos aos portavoces oficiais de Abanca, líder do mercado da Galiza. “No caso dos contratos aínda non é posíbel o contrato en galego”, admitiron antes de puntualizar que “no resto de comunicacións da conta, si”.

 

Precisamente, Abanca foi a protagonista dunha polémica lingüística este mes. A Mesa pola Normalización denunciou que “impón o uso do castelán nos contratos, información e comunicación coa clientela”. Como proba, achegou unha copia do seu modelo de contrato de crédito, cunha “cláusula lingüística” que reza “la información y términos contractuales se facilitará en castellano. Con su consentimiento, durante la duración del contrato nos comunicaremos con usted en castellano”.

 

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 283 de Sermos Galiza á venda na loxa e nos quiosques habituais]



x